O SOL | O |
18 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A NATALIDADE está a baixar, as familias non pasan dos «un con cinco fillos», aproximadamente, que xa me contarán vostedes como se teñen. O caso é que non podemos levar as mans á cabeza polos poucos biberóns que se preparan cada día, se temos en conta o que custa criar un fillo. Senón, pregúntenllo ós pais dos nenos que acuden á gardería lalinense. Para comezar, xa antes do primeiro berrido, tes que invertir en modelos premamá que non acostuman a sentar excesivamente ben. Entre cueiros, biberóns, leites enlatados, papillas, potitos e xoias farmacéuticas varias, a conta bancaria baixa que dá pena vela. Pronto ven unha nova etapa; podes escoller entre gardería ou nany a domicilio. Calquera das dúas opcións, visto o visto, sae por un ollo da cara. Chega despois a temida etapa escolar. Roupa e libros de texto supoñen un auténtico pesadelo para os sufridos pais ós que lles quedan, cando menos, outros quince anos de incansable loita. E, cando digo loita, é porque a temida idade do pavo, está á volta da esquina. ¡Que medo! Parece mentira que, a pesares de todo isto, as alegrías superen os traballos, pero ó parecer, así é.