O SOL | O |
13 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HOXE, CANDO MENOS, catro persoas da zona pasarán polo altar, ou, mellor dito, polo concello. Os matrimonios civís están a supor unha forte competencia ás visitas á vicaría. Non sei se será porque poida que acarrexen menos gastos -xa se sabe que decorar unha igrexa non é moco de pavo-, porque non requiren tanto curso prematrimonial, ou porque se aforra papeleo, o caso é que a competencia vai en aumento. Hai anos tan só pasaban polo xulgado os divorciados que non contaban co beneplácito da Rota, pero hoxe parellas libres como o vento e sen lastres no seu pasado optan por matrimonios civís con toda normalidade. A oferta en canto a acordos de fidelidade para toda a vida estase multiplicando. Os matrimonios pola Igrexa continúan sendo os máis demandados, pero as unións civís teñen cada día máis adeptos. A pesares de que nalgúns lugares xa están causando sensación, as parellas de feito continúan sen despegar de todo. Semella que aquí seguimos pensando que onde estea unha bonita alianza, con data e todo, é preferible a rexistros civís. En fin, a competencia é sana, ¿ou non?.