Todos a mercar potas

DEZA

O SOL | O |

29 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O CAOS ESTÁ a piques de asolagar numerosos fogares de Silleda. Ou se resolve con prontitude o tema da auga, ou máis dun terá que renovar potas e apeiros. As cazolas silledenses levan xa seis semanas consecutivas soportando golpes e mamporros a discereción, e máis dunha xa ten que estar a piques de comezar a resentirse. As tendas de menaxe xa están a refregar as mans só de pensar a cantidade de baterías de cociña que se terán que renovar. De nada valerá o aceiro inoxidable, os teflóns antiaderentes, nin as aleacións último modelo. Nada se resiste eternamente a unha boa, enérxica e sonora cacerolada. Igual sorte correrán os apeiros, enseres e elementos varios que os silledenses sacan a pasear as noites dos xoves. Os improvisados bombos e platillos están, ata o momento, resistindo estoicamente a súa nova laboura, pero, ¿por canto tempo?. A ver se o valedor do pobo, Palmou ou o mesmísimo Fraga toman cartas no asunto, porque senón chegará un momento no que as baterías silledenses non resistirán máis a presión, e non quero imaxinarme a todo un pobo a base de microondas.