Descoñecemento ou preguiza

DEZA

O SOL | O |

22 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

CREO QUE xa o que vou dicir non é nada novo, pero é que hai cousas que me fan chirriar os nervios, e a pasividade é unha delas. Antonte milleiros de veciños das comarcas de Deza e Tabeirós quedaron durante varias horas practicamente incomunicados. Non había teléfono, non había móbil, da queima non se salvou nin Internet, claro. Ben, pois a pesares de que onte as tendas de telefonía non deixaron de recibir clientes ávidos de saber o que lle pasaba ao seu terminal, hoxe as asociacións de consumidores non recibiron nin unha soa reclamación. A cuestión agora estaría en saber o porqué desa ausencia de papeis. ¿Acaso cando pasa a tronada xa ninguén se lembra de Santa Bárbara? Espero que sexa iso, porque a outra explicación que se me ocorre resúltame máis dramática. ¿Será posible que a estas alturas a xente non coñeza os seus dereitos como consumidores e usuarios? Non sei cantos anos levarán funcionando as oficinas de reclamacións en Galicia, pero paréceme case surrealista pensar que o descoñecemento pode chegar a ese punto. Esperemos que todo isto sexa unha simple cuestión de preguiza.