A BALADO DO CANDAL | O |
10 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O DÍA 2 fun invitado a un acto dos que se agradecen. Era o nomeamento como padriños de honra de Fervenza Edicións nas persoas de Avelino Pousa Antelo e Olimpio Arca Caldas. Omito o don nos dous casos porque me sei amigo dos dous, e entre amigos non hai máis tratamento có dun apretón de almas. Era e será sempre merecido. Avelino e Olimpio, Olimpio e Avelino, fontes de auga nidia para a fervenza. Os dous mestres, mais non uns mestres cales quera, senón da escola do corazón. De Edicións Fervenza non vou dicir nada que non se saiba xa. É a pequena editorial que publicou, entre xa moitos outros, os meus primeiros libros, e que contribuiu a facerme millonario de mais de ilusións. Xosé Luna e Manuel Espiño están a facer o que non poden facer os cartos nin o poder: xerar soños e convertelos en materia real e tanxible. Toda a comarca llo ten de agradecer. Están a facer cousiñas polo teatro, pola poesía -esa arma cargada de futuro, dicía Celaya, pero tamén de pasado e presente-, polo relato, pola novela, por todo o que se constrúa con letras e sentimentos, con alma e, ás veces, por forza, con dentes. Avelino e Olimpio son homes feitos nunha época desde a escaseza material e a fartura de espírito, homes de tan grande corazón que, se algún día lles dera un infarto -a providencia non o queira- habería que mirar en que ferrado cardíaco tivo lugar o asunto. Son homes coa terra tan a fío do corazón que teñen que limpar os zapatos antes de entrar na casa. A terra quere pobo, publicaba outro gran amigo e veciño, Xosé Luis Barreiro, tamén merecidísimo premio Ramón Piñeiro. Se a terra quere pobo, moito máis quere a quen fai polo pobo, a quen dedica a súa vida -as súa vidas- a que a ilusión floreza na mente e no corazón dos coterráns. Así son Avelino e Olimpio, dúas mentes preclaras, dous corazóns tan fortes e a un tempo tan sensibles coma un elefante que chora por esmagar un gatiño. A vosa amizade proporcióname ledicia. Non pode ser doutro xeito, porque, como dicía Cicerón: «Quae potest esse vitae iucunditas, sublatis amicitiis» , ou, por se hai alguén de fora, ¿Que ledicia pode ter a vida, se suprimes a amizade? Vai por vós, mestres. A Fervenza xa ten fontes que a manteñan para mover o febril muíño da nosa cultura.