«Precisamos de voluntarios responsables e preparados»

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

Entrevista | Juana Tubío Ordóñez TRABALLADORA SOCIAL DA CONFEDERACIÓN GALEGA DE MINUSVÁLIDOS E COORDINADORA DO VOLUNTARIADO Silleda será sede, o 4 e 5 de xuño, dun curso especializado en discapacidade

01 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Un curso que está organizado pola Confederación Galega de Minusválidos, e para o que aínda restan prazas. -¿Isto é unha continuidade das xornadas de captación do voluntariado? -Así é. Con anterioridade levaronse a cabo unhas xornadas de captación en varias localidades galegas, entre elas Lalín, e agora comeza o curso de formación daquelas persoas que están dispostas a traballar con discapacitados. -¿Que tipo de voluntarios están a buscar? -O número que academos é o menos importante de todo. Nós precisamos de voluntarios responsables, serios e preparados que sexan respetuosos con aqueles que teñen unha discapacidade e que se se comprometen a traballar unha hora ou media o fagan. -Requírese unha preparación específica... -E que non é o mesmo ser voluntario nun campamento, por exemplo, que selo cun discapacitado. Por iso programamos estes cursos que se impartirán por toda Galiza xa que contamos con dezaoito asociacións e douscentos voluntarios. Un voluntario ten que saber actuar axeitadamente ante situacións puntuais e ten que coñecer os distintos tipos de minusvalías. -¿Cal son as tarefas do voluntario? -Moitas e moi dispares. Un voluntario está para acompañar a un minusválido ao médico, a facer unha xestión burocrática ou mesmo lle pode axudar a sacar o carné de conducir, como está a suceder cun caso puntual. Un voluntario pode estar facendo un acompañamento dentro do fogar ou acudir á piscina cun discapacitado. Todo depende das necesidades, dos casos que se presenten. Deixar claro que en ningún momento suplanta a un profesional. Cada un ten un cometido diferente. -¿Algún requisito que se deba cumprir? -Ningún en especial. Só se o interesado ten menos de dezaoito anos precisamos da autorización dos pais para que pase a formar parte do voluntariado. Nada máis.