Entrevista | Alfonso Fernández Sucasas A formación celebrará o seu décimo aniversario cun encontro de gaiteiros
10 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Levan dez anos aproveitando ao máximo o seu tempo de lecer ensaiando e tocando. Unha formación que naceu froito da casualidade. -¿Como foi esa casualidade de formación? -Coincidindo coa celebración das festas de Vilariño, fomos falar co director da banda de música de Agolada para ver a posibilidade de que actuara nas festas da localidade e vimos alí aos compoñentes do grupo Dalle Corronco , que actualmente creo que xa se desfixo, e pensamos que nós tamén podiamos contar cun grupo de gaitas. O director da banda díxonos que a idea era boa pero facía falla catro ou cinco persoas para formalo. Non tiñamos idea de solfeo e os comezos foron duros. Tivemos que ir a clases de solfeo e ensaiar duramente. -¿Cal é a procedencia do nome da agrupación? -Procede dunha encrucillada que existe no río entre Vilariño e Castelo que se chama así, Bico da Balouta. Nós, como procedemos dun lado e doutro do río, decidimos poñerlle ao grupo e a asociación dito nome. -¿Que evolución tiveron ao longo destes dez anos de vida? -A primeira foi numérica: comezamos sendo catro e na actualidade somos 13. Co paso do tempo dividímonos en dous grupos. No primeiro están unhas oito persoas, as máis veteranas e, no segundo, están as novas incorporacións. Xente que leva un ano ou pouco máis dun ano como é o caso, por exemplo, de Fernando Oro que decidiu aprender a tocar a gaita fai unhos meses. -¿Cal é a media de idade? -Pois... Os corenta pero temos espíritu xove. Só temos un par de músicos moi novos que terán catorce anos. Os outros... O importante é pasalo ben e disfrutar co que se fai. Nós, o que máis nos agrada e tocar nas festas de carballeira, amenizar eses xantares que se fan nas parroquias entre veciños e amigos.