O Hierros Diego corre no Grove coa proba de mañá na Estrada como telón de fondo

La Voz LA VOZ | A ESTRADA

DEZA

30 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

?s corredores do Club Ciclista Estradense-Hierros Diego inician esta mañá, ás dez, unha intensa fin de semana con dúas das cinco probas do Circuito Deputación de Pontevedra en xogo. A primeira cita, hoxe, focalízase en terras do Salnés. A terceira carreira do Circuito Deputación partirá e chegará ao Grove, con 112 quilómetros intermedios de traxecto. Neles, o único obstáculo de relevancia é o Alto do Pousadoiro, xusto na metade do trazado. Máis cá suficiente, iso si, para acabar coa moral dos ciclistas ante as súas rampas de ata un 10% de desnivel. Alí, pois, terá lugar a habitual criba. E Juan Mourón debe pasar pola peneira para poder defender o seu liderato na xeral sub 21. O problema é que o home do Hierros Diego compite hoxe moi mermado. De feito, onte era dúbida por unha tendinite nun xeonllo, que mesmo lle impedíu andar ao longo da semana. Os que tamén son dúbida son Carlos Barba e Lucas Freire. O resto dos seus compañeiros están convocados para a cita grovense. Equipos de fóra na Estrada Case sen tempo nin para respirar, o C.C. Estradense-Hierros Diego exercerá mañá de anfitrión na cuarta proba do Circuito Deputación, con saída e chegada na capital de Tabeirós-Terra de Montes. Ademais da inmensa maioría do pelotón galego, a organización tiña onte confirmada a presencia dos equipos portugueses Gondomar e Fernando Carvalho-Dulce Textil, ademais do Ciudad de Oviedo e do León Ayuntamientos. Se Mourón resiste os seus problemas físicos, a promesa do C.C. Estradense terá unha inmellorable ocasión para amarrar o título de campión sub 21 do Circuito. A proba, de 127 quilómetros, arrincará ás 14,32 horas da rotonda da estrada a Santiago, para discorrer na súa primeira metada por Toedo, Santeles, Aguións, A Estrada, As Colonias, Alto da Cruz, Toedo, Souto de Vea, Portela (Cuntis), Cuntis, Troáns, Embalse, Moraña, Cuntis e Portela (Cuntis). Será a parte tranquila da carreira. Xusto ata chegar ao Alto de Castro Loureiro, un porto de terceira categoría que suporá a primeira selección. O ascenso a Codeseda (qm. 76) e os 16 quilómetros de tobogáns que separan este punto de Armonda poden propiciar novas tentativas de fuxida e rupturas no grupo principal. O Alto de Agüeiros (qm. 97), 2.000 metros cunha pendente media do 7%, está chamado a establecer a criba definitiva antes do asalto ao derradeiro obstáculo da proba, a segunda escalada ao Alto de Castro Loureiro. Desde alí, seis quilómetros de descenso ata a liña de meta, precedida por unha recta interminable.