Sesenta persoas velarán pola seguridade cidadá no Cocido

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

O cronómetro A autoestrada e o arranxo da carretera do Candán reducirán as aglomeracións de vehículos e autobuses este domingo

13 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha das probas de fogo para as forzas de seguridade, a celebración da Gala da Gastronomía xa rematou, afortunadamente sin incidentes. Resta agora unha segunda, controlar a avalancha de visitantes, de vehículos e autobuses este domingo con motivo da Feira do Cocido de Lalín. Con tal motivo o xefe da Policía Local, Jesús López Cuñarro, anunciou onte que dende as nove da mañán estarán pechadas ó tráfico as rúas Principal, Joaquín Loriga, Molinera, un tramo da Rosalía de Castro, Castelao, Colón e a avenida Bos Aires, punto de partida do desfile de carrozas e charangas. Con anterioridade ó peche de mañá domingo, hoxe «xa o iremos anunciando mediante megafonía para que os veciños retiren os coches de ditas rúas», apuntou López Cuñarro. A entrada en funcionamento da autoestrada AP-53 e o remate das obras de acondicionamento e mellora da PO-200 podería favorecer este ano o grave problema das colas que sofren os visitantes tódolos anos á hora entrar na capital dezá. De tódolos xeitos, Jesús López, recoméndalle ós cidadáns que non intenten acceder ó centro do pobo e que deixen os seus vehículos no recinto de mercado de gando, na zona de Donramiro e o Montserrat e na rúa Areal. A apertura do aparcadoiro soterrado de Lalín suporá tamén un alivio á hora de atopar un aparcamento. «Algo tamén se vai notar pero está no medio do pobo e, se poden evitar chegar ó centro, moito mellor xa que do contrario nos atoparemos o domingo con serios problemas», puntualizou López Cuñarro. Unhas sesenta persoas serán as encargadas de valar pola seguridade de todos aqueles que tomen parte na Feira do Cocido. «A plantilla da policía estará ó completo co que seremos dezaséis persoas, estarán quince efectivos de Protección Civil, tres parellas de Tráfico que se encargarán de regular o tráfico na carretera de circunvalación e contaremos cun grupo de antidisturbios, xa que máis vale prevenir». A posible actuación de carteiristas nesta feira é outra das preocupacións de López Cuñarro. «Coma sempre insistimos en que os cidadáns tomen tódalas medidas e precaucións encamiñadas a que non se produzan estes feitos que se suceden ano tras ano».