Lalín perdeu a un dos seus mestres

La Voz

DEZA

OBITUARIO | O |

24 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O SÁBADO recibía sepultura en Lalín Cesáreo Sobrado Montoto. Co seu pasamento, Lalín perde a un dos seus mestres, que exerceu durante corenta anos o seu labor docente. Nado en Loucenzo, na parroquia de Cercio o 8 de agosto de 1909, foi á escola primaria de Cercio, e aprendeu música con D. Andrés, director da banda de Brántega (Agolada), da que foi tamén integrante. Simultáneamente á súa actividade como músico, matriculouse na Escola Normal de Pontevedra na etapa de 1929-1934, facendo as súas prácticas na escola de Galegos. Durante o seu servicio militar en Melilla (1930-31) impartiu clases de alfabetización como mestre-instructor a un grupo de soldados. Mobilizado no 1937 pola Guerra Civil, retomaría a súa actividade docente en 1939, exercendo ata 1945 en Cristiñade (Ponteareas), San Salvador de Camba (Rodeiro), A Xesta e San Xoán de Vilanova (Lalín) e Pastoriza-Carbia (Vila de Cruces). Logo de aprobar as oposicións en 1945, exerceu en Esperante (Agolada) e O Incio (Lugo), desprazándose como definitivo ó Pirineo oscense. Co desexo de voltar á terra, participou no concurso de traslados en 1952, exercendo en Villantime (Arzúa); marcharía logo a Moguer (Huelva), para facilitar ós seus fillos estudiar bacharelato na cidade andaluza. No 1961 foi destinado á unitaria de Moneixas, e no 1967 pasou ó colexio Comarcal, onde estivo ata a súa xubilación no 1979. Na súa traxectoria docente obtivo galardóns como o diploma de mestre distinguido na Campaña de Alfabetización desenvolta en Moguer. No Comarcal foi encargado do comedor escolar, e organizou a banda de música infantil. A iniciativa da Inspección foi proposto para o ingreso na Orde de Alfonso X El Sabio no 1975. E foi un mestre máis alá da escola: participando na actividade cultural y social dos lugares onde exerceu, e preparando ós xoves para oposicións.