Entrevista | José Ramón González López
18 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Despois de pasar tódolos trámites administrativos comeza a andaina do Centro Comercial Pontiñas. -Agora máis ca nunca, ¿é xa unha realidade á vista? -Coa colocación da primeira pedra esta tarde así será. De tódolos xeitos, eu tiña moi claro que este proxecto era unha realidade dende fai tempo. Hoxe digamos que se materializa definitivamente. -¿Que albergará o centro comercial? -Un gran supermercado de Gadis de 2.500 metros cadrados, oito salas de cine de Filmax e unha ampla sección de comercio onde haberá de todo: confección, calzado, cosmética, xoiería e hostalaría. -¿Que firmas comerciales confirmaron a súa ubicación ata a data? -Estamos moi satisfeitos pola resposta que tivemos e estamos a ter. O 50% dos locais están xa vendidos e foron adquiridos por empresas da comarca e doutros rincóns de Galicia. Falando de firmas locais podemos mencionar a Mercedes Fuentes, Géneros de Punto Montoto, Guerra, Bernabé e xoieiría Romero. A firma Gasthof abrirá un ou dous locais de hostalaría no centro. Seguimos tamén a manter conversas con Inditex para que se instale aquí. O que está claro é que esta primeira fase do centro será inaugurada o 15 de setembro de 2004. O hotel de catro estrelas irá na segunda fase e o complexo íntegro rematarase no 2006. -¿Con cantas prazas contará o aparcadoiro? -O centro contará con 350 prazas a cuberto máis as exteriores. En total haberá máis de 700 prazas. -¿Como influirán as áreas comerciais no pequeno comercio da vila? -Sempre fun un defensor do comercio local. Dende Sinergias Dezanas intentamos chegar a un acordo coa firma vasca Eroski para que se levantara un só centro. Non foi posible e haberá dúas grandes superficies e, a pesares do que digan algúns, estou convencido de que a posta en marcha destes centros non lle perxudicará para nada ós comerciantes de Lalín. O comercio local e as grandes áreas temos que tirar do mesmo carro. O único que é preciso facer en Lalín e crear máis infraestructuras para que o comercio tradicional siga medrando e veña máis xente á vila. -¿Que opinión lle merece o Centro Comercial Urbano? -Teño que felicitar á Asociación do Comercio de Lalín polo que están a facer e por tomar unha decisión deste tipo. A posta en marcha do CCU é unha gran iniciativa é nós xa o vimos así fai dous anos cando nos desprazamos a Oporto para ver o funcionamento de centros desas características. Alí comprobamos que se podería poñer en marcha aquí algo semellante e agora parece que están a traballar dende a ACL nese sentido que me parece moi axeitado. As oportunidades hai que aproveitalas.