O CRISOL | O |
06 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A VIDA eterna, ese é o eixo sobre o que xiran os argumentos de un montón de filmes -a maior parte infumables- que pululan polas canles de medio mundo. Iso que non deixa de ser unha utopía, un soño dos que non se cumplen endexamáis, xa está menos lonxe da man do home. Non quero dicir que poidamos vivir para sempre nin nada diso, senón que cada vez poderemos vivir máis anos, ou alomenos iso é o que indican os investigadores. Dentro duns aniños vai deixar de ter mérito iso de cumplir os cen, co que acabouse iso de sacar nos medios á mulleriña que chega ós 110 anos e que aínda canta o Apaga o candíl para as cámaras da tele vestida de domingo. Se non o estropeamos antes, viviremos máis anos e teremos mellor calidade de vida, pero, e todo ten un pero, tamén traballaremos durante máis tempo. Se ata agora viñamos pandando ata os 65 despois teremos que facelo ata os 80. Acabouse iso de irse a Benidorm a celebrar a xubilación antes de cumplir os 66. Para poder adicar o tempo a ver telenovelas e xogar partidas de mus cos veciños vai haber que esperar uns aniños máis. En fin, semella que seremos adolescentes ata os trinta.