En directo | Aula Itinerante da Natureza
25 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A Alameda estaba asediada por autobuses. Dous deles eran da Xunta: o servicio de doazóns e o programa itinerante da Aula de Natureza, que desde o 4 de agosto viaxa de vila en vila para educar ós rapaces máis novos no respecto ó medio ambiente. Dentro do vehículo verde había dez ordenadores. «Están instalados xogos educativos e interactivos», explicaba a responsable, Sara Huerta. Detectives verdes ou A casa de Sammy eran os máis adoutrinadores. Tratamento do lixo e repoboación dos montes eran os temas. Pero o máis estimulante era Bugdom, no que un escarabello corre por un xardín fuxindo de babosas e formigas. A novidade deste ano é a protección fronte ós raios ultravioleta. «Cando a natureza non nos defende, temos que protexernos nós», comentaba Sara Huerta. Para comprender a súa incidencia, Internet informaba de que os ultravioleta estaban en Pontevedra no nivel 7. «Queimarían unha pel media con vinte minutos de exposición», explicaba. Os ordenadores estaban baleiros no mediodía de onte. Só curiosos e un par de nenas se achegaran ata ese momento ó autobús. «Non se correría a voz -lamentaba Huerta -. A media de visitas está entre 100 e 125».