«A idea é acadar unha boa relación entre nenos e vellos»

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

Entrevista | Celso Fernández Sanmartín As instalacións da Residencia Nosa Señora das Dores de Lalín acollerán dende o vindeiro luns este campamento dirixido a unha quincena de cativos

30 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Este primeiro campamento está organizado polo Voluntariado Social O Bico Rabudo e o Departamento de Animación da residencia de Lalín e as anotacións poden facerse en Servicios Sociais ou na propia residencia. -¿Como xurde esta novidosa iniciativa? -Sentimos necesidade de facela xa que despois da celebración dos campamentos urbáns en Lalín, e das visitas que os cativos fan anualmente á residencia, comprobamos que algúns dos rapaces amosaban recelo á hora de tratar coas persoas maiores da residencia. A idea é acadar unha boa relación entre os nenos e os vellos xa que é importante para a educación dos rapaces. -O campamento é para nenos moi cativos... -Vai dirixido a unha quincena de nenos que teñan 4 e 5 anos. Escollemos esas idades determinadas porque é no grupo onde máis detectamos ese medo a achegarse ós vellos. -¿Que tipo de actividades promoverán para acadar ese achegamento que buscan? -Unha psicóloga será á que faga a avaliación dese cariño que pretendemos xurda dos nenos para con os vellos porque os maiores non amosan ningún tipo de rechazo. Todo o contrario. O primeiro día pediremóslle ós nenos que pinten ó vello que desexen e o último día tamén. Os cativos son moi expresivos á hora de debuxar e mediante eses debuxos poderemos comprobar se se creou un vínculo afectivo ou non. Queremos que se familiaricen co entorno e que non lle teñan medo ás cadeiras de rodas ou ós bastóns. Desexamos que teñan motivos para visitar a residencia lalinense e ós vellos a miúdo.