TRIBUNA PÚBLICA | O |
30 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Quero agrader esta oportunidade para chegar ós sentimentos dos conveciños e amigos da Bandeira cunhas reflexións sobre o espírito e sobre as bases e fundamentos que moveron, moven e deben seguir movendo, durante xa 29 anos e os que veñan, a Festa da Empanada, considerada un dos eventos festivos máis importantes do noso contorno, catalogado de interese turístico e gastronómico de Galicia. A Vandeia, Lavandeira, Bandeira, topónimo da nosa querida vila, parece ser que se debe precisamente a unha bandeira que se izaba na Casa da Tulla, os días en que o recadador de impostos estaba no pobo. Permítanme que faga un simple xogo de palabras coa orixe de nome do pobo. Porque fieis a procedencia do nome da Bandeira, os veciños fomos, dende hai 29 anos, os abandeirados da Empanada en toda a comarca e en toda Galicia. Fomos e somos signo de unión na organización dunha festa. Fomos e somos exemplo de colaboración desinteresada. Demos e damos imaxe dun vecindario apiñado en torno a unha idea e un obxectivo común. Fomos e somos espello onde se miran outras organización. Fomos e somos exemplo de entrega e laboriosidade familiar e veciñal na organización da Empanada. Fomos e somos prototipo e modelo de solidariedade e apoio incondicional ó noso evento festivo e gastronómico por excelencia, a Empanada. Sen fisuras nin discordias Elo sen medias tintas e sen excepcións. Elo, sen fisuras e sen discordias. Elo, con resolución e sen apatías. Estes 29 anos preñados de realización e entusiasmos, non se poden nin deben dar borrado dun plumazo. Ó longo deles hai moitos nomes propios e cantidade de horas de traballo. Ó longo deles puxemos un listón moi alto de iniciativas. Ó longo deles puxemos imaxinación e unha morea de sacrificios e de traballos quitándolle horas ó descanso e ó lecer. Non fixemos as cousas a medias, non, a Empanada é o que é gracias a que quixemos antes, durante e despois realizar e levala a cabo en plenitude, sen límites e cortapisas, con poucos medios económicos pero con moito altruismo e xenerosidade. Non podemos ser traidores a este espirito veciñal de colaboración que fixo posible este evento gastronómico de primeira orde entre os do seu xénero. E non podemos defraudar ás case 9.000 persoas que cearán e degustará, este ano, a nosa empanada na frondosa carballeira da Pomba e os prados de Valladares, Alén e Victorino. A Empanada foi posible gracias á unión de vontades, pola coincidencia de sentimentos e dende a suma de esforzos, imprescindibles en calquera tarefa que se pretenda culminar con éxito. Non sería posible dende os caprichos individuais ou colectivos, dende as capeliñas de intereses ou grupiños de desintereses e moito menos dende simplezas e lixeirezas de miras e obxectivos. Consecuentes co prestixio Premiamos dende hai 29 anos ás máis sabedeiras , nesta ocasión e para os anos vindeiros, debemos premiar a todos e cada un dos veciños de Bandeira, por saber estar, apiñados e xuntos como un todo, á altura da ocasión, coma se fose o primeiro ano, dando o mellor de cada un de nós, para que siga sendo certo que dicir Bandeira soe a dicir Empanada e dicir Emanada soe a dicir Bandeira. Todos somos e facemos Bandeira, todos somos e facemos Empanada. En Bandeira, na Empanada, non hai lugar para o desánimos, para a falta de colaboración e para os egoísmos impropios de nós. Preside una das nosas prazas un personaxe universal, Camilo José Cela, por Bandeira pasaron, gracias á Empanada, cantidade de persoas de categoría persoal e profesional incuestionables do eido das letras, do xornalismo, das artes, da política..., sexamos tamén consecuentes co seu prestixio e co seu nivel. Fagamos honra e tamén a quen nos honrou coa súa presencia e coa súa amizade. Ademais, entre nós, tivemos os mellores restaurantes e restauradores, contamos así mesmo coas máis laboriosas e abnegadas amas de casa. Temos, pois, unha das mellores citas gastronómicas de Galicia. Non temos nin hai outro camiño distinto do apoio incondicional, da colaboración desinteresada, da unión e solidariedade veciñal. ¡Viva a Empanada! ¡Viva Bandeira!