O CRISOL | O |
28 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.POR AÍ adiante a xente fala de algo chamado globalización, pero, ¿que é iso?. Seguro que é unha desas cousas que veñen de Nortamérica, porque ó final todo ven de alí, ¿ ou non?. Segundo teño entendido, é algo así como unha epidemia. Os síntomas son os seguintes: tódo-los televisores sintonizan as mesmas canles. Os coches que viaxan polas estradas son todos iguais. Os homes mercan e lén os mesmos libros. A xente pide o mesmo nos restaurantes. Tódo-las tendas venden a mesma roupa. Todos vemos os mesmos filmes e escoitamos os mesmos discos. Todos somos iguais. ¿Quen se atreve a negar iso agora? Hoxe en día o mundo semella cortado polo mesmo patrón, e ninguén o pode negar. Todo o mundo vai ó cinema a ver Matrix e todos sabemos que ó seu lado se sinte seguro. ¿Queda algún español que poida presumir de non ter visto chorar a Bustamante? Nen tan sequera os valentes que se autodefinen como alternativos o son realmente. O underground volveuse moda, e a escasa resistencia que perdura ante a homoxenización desvirtuouse usando e abusando das técnicas que tanto critica e aborrece. O mundo está a confluir nun só ente idéntico e igual. Os articulistas escriben sobre o mesmo tema, e a palabra global acapara portadas de milleiros de libros que acaban por converterse en best sellers que nos fan pensar igual a todos os homes e mulleres que poblamos o planeta. Non sei se será malo ou bó, o que sei é que xa comezo a botar de menos o diferente, o que se sae da norma, o que non é igual ó anterior, o que é distinto e particular e o que non se move ó son que o mundo marca.