«Estou adaptando contos sinxelos para nenos autistas»

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

Kiko da Silva compaxina a súa faceta de contacontos coa de ilustrador e fotógrafo. Agora está a traballar nunha serie de libros para nenos moi cativos

05 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Kiko da Silva tamén imparte talleres de ilustración. Así o fixo o pasado mércores na Casa da Cultura de Rodeiro con motivo dunha xornada de animación á lectura. -¿En que consisten estes talleres? -Son talleres que fago con nenos e tamén con profesores. O obxectivo é que os asistentes descubran que é a arte contemporánea. Os cativos que toman parte no taller aprenden a debuxar sin saber facelo a partir dun taller que se chama mancharte e que consiste en facer debuxos a partir de manchas. O taller comeza co relato dun conto que eu escribín e que publiquei na editorial Kalandraka e que se titula «Moncho e a mancha». É a historia dun neno que empeza debuxando círculos, cadrados e triángulos e acaba facendo arte abstracta. Estes talleres tamén sen fan para os profesores nos que lles ensino a ver os debuxos que están dentro das manchas. É coma ir o psicoanalista. -¿Con cantos rapaces traballa a cotío? -Normalmente con trinta. Máis xa son moitos para unha soa persoa porque é preciso comentar os debuxos e prestar atención ó que eles ven nesas manchas que se formaron no papel. -¿En que proxectos está a traballar agora? -Estou adaptando contos sinxelos para nenos autistas. Concretamente estou coa adaptación de Os tres porquiños. Este traballo é un auténtico reto xa que hai poucos libros para os cativos que son autistas. Por outra banda e na mesma línea de traballo, estou cunha serie de libros de poucas páxinas, gordas e de cartón, que levan un só personaxe para os máis cativiños. Para pequenos de dous e tres anos de idade.