Quedaba pendente dunha reunión cos que serían os seus directivos Renunciará a competir pola presidencia se aparece outra candidatura
23 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Con moitas ganas, pero sen a máis mínima intención de emular a Gary Cooper en Só ante o perigo , Antonio Iglesias Fraga supeditou a súa decisión de presentarse á presidencia do Estradense ó resultado dunha reunión que onte pola noite tiña previsto celebrar cos que serían os seus directivos e colaboradores no clube en caso de saír elexido. E é que se ben onte recoñeceu abertamente o seu desexo de dirixi-la entidade bermellona, Iglesias é consciente de que «eu só non podo levar o club. Hoxe en día un club hai que levalo coma unha empresa, o que esixe moita axuda». Así, o pre-candidato fixou a fichaxe dun mínimo de nove persoas para a súa candidatura coma condición para presentarse ás eleccións. Sobre os seus posibles compañeiros de xunta, Antonio Iglesias limitouse a apuntar onte que «se trata de xente de fútbol da Estrada». O que ten claro o ata de agora único aspirante oficioso á presidencia do Estradense é que «se hai outra candidatura nós non nos presentaríamos, porque non queremos crear ningunha rivalidade entre os socios». «Non polo meu fillo» Iglesias sabe que a súa condición de pai de Toni, ex-xogador do plantel bermellón, pode dar lugar á desconfianza de máis dun socio. Por iso, onte quixo deixar ben claro que «quen o terá máis duro para xogar no equipo será Toni. Eu non quero ser presidente do Estradense para que xogue meu fillo. Traballa comigo na miña empresa, e alí é a quen máis lle esixo, porque ten que dar exemplo».