Taboada arremete contra a Federación, da que non ten novas

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

O presidente do Portadeza critica o afán recadatorio do ente deportivo «Sáelle rendable que haxa sucesos como os que houbo co Tres de Mayo», di o directivo roxinegro

09 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A nova da multa de 3.000 euros (case medio millón de pesetas dos de antes) ó Club Balonmano Lalín por parte da Federación Española como castigo ós incidentes protagonizados polo público roxinegro na última visita do Tres de Mayo a terrás dezás non sentou nada ben no seo da directiva do Portadeza. Sobre todo, tendo en conta que a día de onte os responsables do equipo galego aínda non recibiran ningunha notificación ó respecto, nin verbalmente, nin por escrito. Así o manifestou onte o presidente roxinegro, Antonio Taboada, que aínda preferindo agardar a recibir a confirmación oficial do castigo para opinar, non puido evitar arremeter contra o ente federativo. Neste senso, Taboada acusou ó mesmo de ser «un organismo recadatorio». E é que «está visto que aquí a única parte que saca algo de proveito con incidentes como o do Pabellón Municipal na visita do Tres de Mayo é a Federación. Por unhas supostas bofetadas a un xogador a Federación vaise levar 3.000 euros, ademais dos 1.200 que recibirá do equipo canario pola súa burla de chegar tarde por segunda vez sen xustificación. O normal é que de multar ó clube este lle tivese que pagar ó suposto agredido». Facendo balance, o presidente do C.B. Lalín chega á conclusión de que ó máximo organismo do balonmán nacional «case lle é rendable que haxa actos deste cariz. ¿Non sei como non promove máis el mesmo?. Para remata-la súa crítica demoledora, Taboada comentou que non entende «como o presidente da Federación Española di non comprender por que lle chaman mafioso», ó tempo que se pregunta se pagará a pena presentar un recurso á multa, considerando que «o xuíz tamén é parte».