Academia de anfibios

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ESTRADA

DEZA

ROMÁN GUTIÉRREZ

A Escola de Natación da Estrada prepara a súa participación na fase zonal escolar

26 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

A Escola Municipal de Natación da Estrada afrontará en breve dous importantes retos. No apartado organizativo, exercerá por segundo ano consecutivo de anfitriona da fase zonal da competición de deporte base promovida pola Xunta. No deportivo, tentará elevar ben alto o pabillón local no torneo co obxecto de clasifica-lo maior número posible de nadadores para a fase provincial, que este ano tamén se disputará nas piscinas da capital de Tabeirós-Terra de Montes. O domingo 6 de abril será o día da cita zonal, e o 27 o da final provincial. Ademais, a Escola Municipal organizará, aínda sen data, o Trofeo Deputación, mais neste caso non participará deportivamente, ó estar restrinxida a participación a clubes federados.As dúas monitoras da Escola están a traballar nestes días na selección do equipo para as competicións de abril entre os 60 alumnos cos que traballan habitualmente. Nenos e nenas de entre 6 e 16 anos que se forman no mundo da natación a dous niveis. Un primeiro de iniciación, no que aprenden os desprazamentos básicos en estilo libre e crol, a coordinación da respiración e a familiarización co medio acuático. E un segundo de perfeccionamento, no que se lles ensina a nadar en tódolos estilos e a facelo cun certo nivel.Mais fronte ó que puidera parecer, a ensinanza na Escola Municipal de Natación da Estrada foxe da competitividade. O director da actividade, Diego Paz, enfatiza que «nuestro objetivo es meramente educativo». Iso si, tamén existe unha preocupación por darlle saída a aqueles rapaces que aspiran a competir.