O Cruces de Gonzalo Brea converteuse o pasado sábado no virtual campión do Grupo 13º da Segunda División Infantil logo de gañar por 4-0 o seu último partido contra un rival de peso, o Callobre.A falta de dúas xornadas para a conclusión da Liga, nin o Boqueiriños nin o Callobre B, terceiro e cuarto pola cola, respectivamente, parecen quen de derrotar a un líder que só perdeu dous dos seus 20 partidos de competición, fronte ás súas 18 victorias.Deste xeito, os catro puntos de ventaxa do Cruces sobre o seu inmediato perseguidor, o Spórting Estrada, parecen máis ca suficientes para amarra-lo título ligueiro, mesmo se o conxunto de Tabeirós-Terra de Montes recurta a diferencia gañando o partido aprazado que aínda ten pendente de disputar.Pesie ó abultado resultado, os rapaces de Gonzalo Brea non as tiveron todas consigo no seu enfrontamento da pasada fin de semana co Callobre. De feito, os primeiros 25 minutos do encontro foron de claro dominio estradense, reflectido en dúas perigosas ocasións de gol, cun tiro ós paos incluído.O gol de Zeki, gran protagonista do partido cun hat-trick, afundíu ós xogadores visitantes. Coa moral polo chan, estes rendíronse por completo ós seus rivais. O resultado, unha goleada que puido ter sido maior, pechada cun tanto de Fran no minuto 30 da segunda parte.O Santiso, cunha victoria a domicilio sobre o Deza (1-4) aínda figura tamén coma aspirante oficial ó título infantil ó quedar con 49 puntos, a cinco de diferencia do Cruces.