O actor Sergio Pazos estivo onte no colexio Comarcal de Lalín onde falou para os rapaces e someteuse as numerosas preguntas dos cativos
20 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Repleto estaba o salón de actos do colexio Comarcal de Lalín de cativos ansiosos por ver e saudar ó actor Sergio Pazos que, con anterioridade, non dubidou en atendernos. -¿A que atende esta visita a Lalín? -Todo xurde por Susana Godoy, a directora deste centro, con quen cursei maxisterio en Ourense. Ela explicoume que estaba de directora aquí e que se podía vir un día para falar cos cativos e darlles unha pequena charla. Como estamos a rematar a nova tempada da serie Platos Combinados aproveitei para achegarme ata aquí. -¿Como enfocará a charla? -Improvisación ante todo. É importante que os cativos coñezan o proceso de como se chega a televisión, o que se fai alí para chegar ó producto final que é o que eles ven na pantalla. Por outra banda, é de suma importancia que teñan en conta que o teatro forma parte da nosa vida e que existen unhas técnicas moi interesantes que nos poden axudar a ser menos tímidos ou sacar o mellor de nós mesmos. O teatro e o ser actor leva parello unha certa aureola de famoseo pero é unha cousa moi cercana, máis do que se pode sospeitar. -Seis anos na mesma serie galega... -Algo máis. Quen o diría. Platos Combinados é unha serie inocente nas súas propostas cun humor galego que está a gustar e proba delo son os anos que levamos en pantalla. -Non ocurriu o mesmo con Caiga Quien Caiga... -Os xefes de Tele5 dixeron que era moi caro. Nós o dubidamos. O programa era agresivo e veñen as eleccións... Unha pena xa que non existe nada igual.