Ignacio Basallo expón no CGAC a súa obra escultórica máis recente

C. Pino SANTIAGO

DEZA

O artista ourensano inaugura o programa deste ano do centro de arte compostelano A mostra presenta novas pezas de gran tamaño e obxectos pequenos con visión retrospectiva

09 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

A O escultor ourensano Ignacio Basallo inaugura a súa primeira exposición no Centro Galego de Arte Contemporánea o próximo día 17. Será un dos artistas galegos que figurará na oferta expositiva do CGAC para este ano, un programa que non se fará público ata febreiro e no que sen dúbida haberá actividades especiais, porque o centro celebra o décimo aniversario da súa apertura, unha estrea que se adornou cunha mostra da célebre e universal Maruja Mayo. A exposición individual de Basallo coa que o CGAC empeza o ano ofrece unha nova lectura na ampla traxectoria deste artista, lonxe da etapa de Atlántica, o movimento artístico galego do que formou parte a comenzos dos oitenta como un dos creadores máis representativos da ruptura plástica en Galicia, pero sen perder nin a madeira como material fundamental das súas pezas, nin a capacidade de diálogo e de evocación coa realidade nin os referentes etnográficos. A montaxe, que ten como comisarios ó director do CGAC, Miguel Fernández Cid, e a Elena Fabeiro, amosará desde o vestíbulo ó dobre espacio do CGAC, pasando pola sala da pranta baixa, unhas vinte pezas de gran tamaño realizadas nos dous últimos anos e unha selección de obxectos pequenos cos que Basallo ofrece unha visión retrospectiva do seu traballo. En tódolos casos, a madeira, moitas veces reciclada doutros usos, é o material básico das obras deste creador, que fai ensamblaxes nas que combina elementos doutras materias como a corda, o cinz, o cobre, o latón ou o plástico. No vestíbulo do centro recibirá ó visitante unha sorprendente peza de 9 metros de altura. A mostra estará aberta ata o mes de abril. Basallo montou a súa primeira exposición individual en 1971, en Ourense. Acababa de rematar os estudios en Barcelona. Pero é na década dos oitenta cando o seu traballo trascende en Galicia e fóra, definíndose desde aqueles comenzos pola súa fidelidade á madeira, se ben a súa obra non se estancou nunca e evoluciona, incoporándolle novos elementos e tamén cor, e innova as formas como resultado dunha continua investigación das capacidades formais e expresivas da madeira. Na última década, Basallo enfróntase a formas máis conceptuais e abstractas. É cando introduce a cor e elementos de metal. Nesa liña de indagacións artísticas, o escultor ourensano chega ó CGAC cunha mirada anovadora, áxil e dinámica. A obra de Basallo forma parte de coleccións públicas, entre elas a do Reina Sofía e o CGAC, e privadas.