Xogar para que outros poidan facelo

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Os equipos de balonmán e de voleibol do Deza xúntanse por unha gran causa benéfica Garda Civil, Policía Local e Protección Civil sumaranse o luns á iniciativa cun triangular

26 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A Como xa vén sendo tradicional, os equipos de balonmán e de voleibol da bisbarra do Deza quixeron pó-lo seu pequeno gran de area na campaña Ningún neno sen regalo de Reis , organizada polo Voluntariado Social de Lalín. A idea, recada-lo máximo diñeiro posible para poder aledarlles as festas navideñas ós cativos daquelas familias da zona con menos recursos económicos a través da compra de xoguetes para todos eles. A contribución dos veciños era e é ben asequible. Un euro e medio para disfrutar ó mesmo tempo dunha tarde deportiva no Pabillón Municipal e da satisfacción de saberse colaboradores dunha boa iniciativa. As categorías de base do Portadeza foron as encargadas de abri-lo fogo solidario con varios partidos entre si. Eran as seis e cuarto da tarde. Tras de si viñeron as rapazas do Club Voleibol Pazo de Bendoiro, que serviron de teloneiras do prato forte da xornada, o cuadrangular entre o Silleda e o Agolada de Territorial Sur e os conxuntos de Primeira e Segunda Nacional do Balonmano Lalín Portadeza. Un partido entre xornalistas e políticos pechou a velada ás dez e media. Os dezanos terán a oportunidade de seguir apoiando a campaña o vindeiro luns. Ese día, a partir das oito da tarde, a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil xogarán un triangular benéfico de fútbol sala.