«Penso que se acadará un maior rendemento escolar»

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

Pais de alumnos e cadro docente do colexio Manuel Rivero de Lalín aprobaron a implantación da xornada única de cara ó vindeiro curso

19 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O colexio Manuel Rivero de Lalín convírtese no primeiro da comarca en implantar a xornada única. -¿Cal foi o resultado da votación? -Dos 148 pais con dereito a voto, votaron un total de 140 dos que 111 o fixeron a favor da xornada única e só 29 en contra. A maioría foi aplastante e o cadro docente tamén apoiou esta iniciativa. Agora, temos que agardar a aprobación por parte da delegación provincial que xa se podería pronunciar no vindeiro mes de xaneiro. -Xa se tentara noutras ocasións a posta en marcha da xornada única... -É certo pero existían certas reticencias pola desinformación que había respecto a xornada única. Os pais pensaban que os nenos terían as tardes libres e que os profesores traballarían menos. Dende a APA fixemos xuntanzas informativas para clarexar tódalas dúbidas. No centro non temos nenos de transporte escolar e penso que pode funcionar perfectamente a xornada única e que se poderán realizar numerosas actividades polas tardes. -¿Cales son as ventaxas da xornada única? -Penso que se acadará un maior rendemento escolar nos cativos. Xa se sabe que nas tres primeiras horas de clase é cando existe maior concentración por parte dos rapaces polo que se porían as asignaturas que esixen máis atención e as seguintes serían para plástica ou educación física. Polas tardes incluiríanse actividades extraescolares que serían, por suposto, voluntarias. Unhas serían gratuítas e outras terían que ser costeadas polos pais. O horario tamén quedou aprobado e sería de nove da mañán a duas. Agora só falta que se faga o novo colexio.