O Concello de Forcarei celebrará o vindeiro domingo, 1 de decembro, a novena Festa da Richada na que se degustarán unhas cincocentas racións
27 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A Praza da Igrexa de Forcarei é o sitio escollido pola organización para levar a cabo os actos da novena Festa da Richada. -¿Cal é o programa de actividades? -Xa comezaremos as actividades o día 29, ás cinco e media da tarde, cunha conferencia sobre Ternera Gallega no salón de actos do Concello. O sábado, Luis Rial virá a Forcarei para facer un programa especial para a Radio Galega sobre a nosa festa gastronómica e o domingo será o día grande. Haberá desgustación de richada, viño e filloas que se farán alí mesmo. Contaremos coa actuación da charanga NBA e o pregón darao o televisivo Tacho González. -¿En cantos restaurantes haberá richada? -Este ano extendeuse a celebración da festa ós restaurantes dos arredores e non só haberá richada nos de Forcarei senón tamén en Soutelo, Cachafeiro, na pousada de Aciveiro e no restaurante O Pozo de Pereira. O menú será o mesmo en todas partes e consistirá en caldo ou empanada, richada, queixo con mel, café e queimada. Todo por un módico prezo de quince euros. É convinte que os que veñan comer a richada reserven mesa no restaurante que queiran. -¿Cal é o segredo do prato? -O requisito primordial é que a carne sexa de calidade. As cebolas teñen que ser as mellores das hortas de Forcarei, o aceite virxe de baixa graduación e engadir pimento doce e picante. Logo, cada maestrillo ten o seu librillo á hora de cociñar este prato gastronómico. Engadir tamén que este ano o cartel da festa foi deseñado polos alumnos do curso de deseño gráfico de Forcarei.