«O poema premiado en Marín leva por título María»

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

O poeta lalinense Carlos Negro Romero acadou o segundo premio de poesía nos Xogos Florais do 50 aniversario do Ateneo de Marín

12 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Con motivo do cincoenta aniversario do Ateneo Santa Cecilia de Marín convocouse un premio de poesía no que o lalinense Carlos Negro Romero obtivo o segundo premio. -¿Que narra o seu poema? -O poema premiado en Marín leva por título María. É unha historia de detalles na vida dunha muller. É un poema narrativo que conta unha historia, a de María, que representa a todas esas Marías que existiron en Galicia na época dos nosos avós. -¿Satisfeito polo galardón obtido? -Sinceramente é un agradecemento xa que na cuestión dos concursos nunca sabes se gañarás. Sintes confianza no que escribes e procuras facelo o mellor posible pero é unha sorte acadar un premio dado que en Galicia temos bos poetas e moita xente que escribe polo que é moi importante que un xurado valore a túa obra. É un incentivo para seguir escribindo. -¿Para cando a publicación doutro libro de poemas? -O poema que presentei ó concurso de Marín forma parte dunha serie pero nunca poño unha data para a saída dun libro. Escribo cando me xurden as ideas, teño tempo e o estado de ánimo axeitado pero tamén fago as miñas reflexións polo que nunca daría unha data precisa para sacar á luz un poemario. É algo que se fai sin prazos. -¿Que acollida tivo o seu último traballo, Far-West? -Estou contento dos actos de presentación que fixen pero os éxitos son relativos cando falas de poesía porque é un xénero minoritario. Nembargantes os comentarios foron positivos e penso que o libro gustou.