O grupo folclórico Xirandola de Bandeira representará á comunidade galega nas festas da virxe do Pilar en Zaragoza os días 12 e 13 de outubro
09 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.A agrupación Xirandola de Bandeira está ultimando detalles para viaxar a Zaragoza. -¿Como xurde esta invitación? -A invitación chegou por medio da Casa de Galicia en Zaragoza que depositou a súa confianza na agrupación para representar a Galicia nas festas da Virxe do Pilar os vindeiros días 12 e 13. -¿É un orgullo? -É un gran orgullo para todos e tamén conleva certa responsabilidade porque non estamos a falar de representar á comarca, que é moi importante, senón á comunidade galega. -¿En que tipo de actos tomarán parte? -Creo que participaremos nese amplo desfile de honra á virxe do Pilar e ofreceremos algunhas actuacións. -¿Que pezas interpretarán? -Levamos todo o repertorio e acudiremos a Zaragoza cun vestiario moi amplo. De feito, quince parellas amosarán no desfile o vestiario típico de cada unha das zonas de Galicia. As persoas que estén en Zaragoza poderán ver o que é realmente o grupo Xirandola xa que nas actuacións que realizamos en calquer punto nunca dispoñemos de tempo suficiente para que se vexa todo. -¿Cantas persoas se desprazarán a Zaragoza? -Penso que seremos unhas corenta persoas aproximadamente que somos as que estamos no grupo de baile dos maiores. -¿Cal pode ser o vestiario que chamará máis a atención do público? -O máis chamativo pode ser o de muiñeira vella con bordados de plata que é moi fermoso. Persoalmente, quédome cun de Forcarei que leva corpiño e que me parece moi bonito.