Unha romaría á medida dos maiores

AMELIA FERREIROA LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Un millar de persoas confirmaron a súa asistencia á festa na carballeira de Barcia, en Lalín,

19 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O departamento de Servicios Sociais do Concello de Lalín pechou onte o prazo de inscripción para participar na décima edición da Romaría Interxeracional que se desenrolará o 27 de xullo na carballeira de Barcia. Un millar de persoas retiraron a correspondente tarxeta no departamento de Servicios Sociais para tomar parte nesta festa que, como tódolos anos, comezará ó mediodía coa recepción de autoridades, misa na propia carballeira para dar paso á multitudinaria comida á que asistirán persoas da terceira idade e emigrantes xa que esta romaría é tamén unha homenaxe ós maiores e as persoas que viven fóra da comunidade galega. O número de emigrantes que nesta edición teñen pensado acudir á Romaría Interxeracional incrementouse respecto a anteriores celebracións. Confirmaron e retiraron invitacións moitos lalinenses que residen en Venezuela, Arxentina, Estados Unidos, Francia, Brasil e Andorra. Por outra banda, na actualidade numerosos dezanos que se atopan en Deza disfrutando das súas vacacións tamén se interesaron no departamento de Servicios Sociais por esta festa polo que haberá tamén xentes do municipio que viven e traballan en Barcelona e Bilbao. É de destacar igualmente as reservas que foron cursadas por veciños doutros Concellos, coma Dozón, Silleda e Vila de Cruces, que se achegarán a Barcia o vindeiro día 27 de xullo. Unha festa na que se distinguirá ós participantes de maior idade, home e muller, e ós emigrantes que levan máis anos na diáspora. Os responsables do departamento de Servicios Sociais do Concello de Lalín comezarán a avaluar as idades de tódolos asistentes para coñecer o nome da parella que será agasallada e a parella que leva residindo máis anos no exterior. Suliñar que ó rematar o xantar celebrarase unha verbena popular que rematará sobre as nove do serán. O Concello de Lalín porá a disposición dos veciños do municipio, que así o desexen, un servicio de autobuses gratuítos que sairán dos principais núcleos do término municipal con destino á carballeira de Barcia e que, ó concluir a festa, deixarán ós participantes nos seus sitios de orixe.