Á terceira edición da festa, que terá lugar este venres, agárdase asistan centos de comensais
12 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.A parroquia silledense de Fiestras celebrará este venres, 14 de xuño, a terceira edición da Festa da Richada. O evento gastronómico naceu froito dunha reunión mantida polo alcalde, Xosé Fernández Viéitez, cos membros da comisión organizadora coa finalidade de impulsar as festas que se desenrolan na honra de San Antonio. Por outra banda, a localidade carecía dunha festa na que os veciños se puideran xuntar para falar e compartir mesa e mantel. A primeira edición foi un éxito e, a partires de entón, só é preciso divulgar a festa a tódolos currunchos do municipio. Regalo de tazas A terceira edición da Festa da Richada comezará ás 21.30 horas coa lectura do pregón para, de seguido, degustar un bo plato de richada, postre e café. A velada estará amenizada polo Dúo Punto Cero e un grupo folclórico da zona. A cea desenrolarase baixo unha carpa, instalada ó efecto e en previsión dunha climatoloxía adversa, e con capacidade para oitocentos comensais. Os interesados en tomar parte nesta festa poden retirar a súa tarxeta ata hoxe, sendo o prezo da mesma de 12 euros. O menú estará composto por carne richada frita con patacas e pementos, queixo con marmelo e café. A organización entregará tamén a tódolos asistentes á festa unha taza en recordo de dita celebración. As festas da parroquia de Fiestras, que se celebran na honra a San Antonio, seguirán o sábado con misa solemne ás 13 horas e, pola noite, a verbena estará amenizada polas orquestras La Oca e Noche de Estrellas. O Concello de Silleda, Ternera Gallega e Lácteos Anzuxao colaboran nesta terceira edición do festexo gastronómico.