O Rei visitou o estaleiro de O Grove que construíu dous barcos para a escola de vela tradicional de Sanxenxo «Non estou», lese nunha pintada na porta dos estaleiros dos irmáns Garrido, en O Grove. Pero si están, eles e máis os dous enormes galeóns que construíron para o Clube Náutico de Sanxenxo, e que botarán o 20 de xullo. Trátase de dous veleiros feitos en seis clases de madeira distintas, os primeiros dese tipo que se constrúen en cincuenta anos. Pepe, Carlos e Fabián, quinta xeración de carpinteiros de ribeira, posan con présa encima dos barcos: o Rei visitounos pola mañá, pero o traballo non se detivo.
11 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.«Xa o meu tataravó foi carpinteiro de ribeira», di Pepe sorrindo e guiñando os ollos azuis, coma se iso fose o máis normal do mundo. O chan da nave do seu estaleiro, nun extremo do porto de O Grove, está cuberto de serrín e viruta, e un gran can pesado e vello durme á entrada. Dentro, tapando a luz, están os dous galeóns, que só se parecen a si mesmos: «Son xemelgos, pero son únicos. Cada carpinteiro ten as súas medidas e a súa forma de facelos», explica Pepe, convertido en guía, mentres se emboza nun mono de traballo gris. O tres irmáns Garrido, axudados polos catro empregados do estaleiro, Fran, Santos, Elías e Moncho, empezaron en decembro do ano pasado a construír os galeóns para o Clube Náutico de Sanxenxo. Non era a primeira vez que se vían diante unha embarcación de vela tradicional: «Xa reparamos outros galeóns, e fixemos unha dorna. Pero non ten nada que ver; unha dorna é a metade de longa que estes, e de volume, xa non falemos», conta Pepe mentres enseña as fotografías que se foron tomando a medida que os traballos ían avanzando: primeiro, unha nave baleira, cuns planos extendidos nos que o propio Pepe traballa; despois, apenas unha quilla pintada de laranxa e suxeita por puntóns; máis tarde, un esqueleto de cuadernas e reforzos. O resultado final, a falta dun par de retoques e unha man de pintura, é un auténtico portento da construcción naval. As naves miden 13 metros de longo, 4,10 de ancho e 1,61 de alto. Nelas empregáronse seis tipos distintos de madeira: piñeiros do país, laricios e oregón, eucalipto, carballo e teca africana. Novelas de Stevenson Os galeóns, que pouco tiñan que ver cos das novelas de Stevenson, eran veleiros para a carga, e deixaron de construírse nos anos cincuenta. Uns, coa quilla máis pronunciada, usábanse -e seguen usándose- para dar servicio ás bateas; outros, case planos pero igualmente voluminosos, entraban ata as praias para cargar materiais cos que surtir as telleiras, unhas fábricas de tellas e obxectos cerámicos das que aínda se conservan ruínas por todo o litoral das rías galegas, ou para transportar os productos das conserveiras. Os poucos que aínda sobreviven empréganse no traballo das bateas, ou incluso como dragas. «Estes dous servirán de barco escola», explica Pepe. O Rei e directivos de Telefónica e de Caixa Galicia, patrocinadores do invento, visitaron ós Garrido e botaron un ollo ós barcos. Nótase: unindo dúas embarcacións hai unha pasarela de madeira nova e firme, e pola nave corren bromas acerca do que podería ter pasado: «Mira que se cae o Rei do barco embaixo...». A visita da mañá alterou só mínimamente o traballo do estaleiro. Pola tarde, despois dunha breve sesión de fotos -a radio emite unha coidada música de acid jazz que contrasta co ambiente-, Carlos e Fabián saen do taller para botar outra embarcación. Pepe queda dentro, atendendo ó teléfono a un amigo que pregunta pola súa experiencia coa nobreza. «Vente un día, tomamos un viño e cóntocho», bromea el, apoiado no ventre liso dun dos galeóns.