Para cacheiras, Lamela

AMELIA FERREIROA LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

A parroquia silledense celebrará o 11 de maio a súa séptima edición da festa gastronómica

29 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A Festa da Cacheira de Lamela (Silleda) alcanza este ano a súa séptima edición e desenrolarase o vindeiro 11 de maio no campo da festa da localidade. A organización do evento, que preside Antonio Fernández Calvo, apostou este ano por un programa diferente no que se inclúe unha baixada de carrilanas dende o Alto da Rocha ata Lamela, a partires das cinco da tarde, e unha saída de coches antigüos dende Lamela ata Bandeira, dende as 19 horas. Ás dez da noite comezará a cea que consistirá en cacheira, panceta, chourizos, pan, viño, rosquillas e café. Celebrarase baixo unha carpa instalada ó efecto e con capacidade para mil persoas, segundo o apuntou en Onda Cero Lalín Antonio Fernández Calvo, e non se descarta a posibilidade de que este ano tamén haxa un pregoeiro para a festa. As estimacións de cacheiras precisas para o vindeiro día 11 son de oitenta pezas, a maioría mercadas na zona, «que se porán a cocer ás duas para que a carne esté troceada e preparada para a noite». Un grupo de mulleres da parroquia de Lamela e Manuel de Cervaña, «un especialista na elaboración de carnes» serán os encargados de axudar ós organizadores na árdua tarefa de limpar e cocer tódalas viandas, matiza Antonio Fernández. Tódolos interesados en asistir á cea poden retirar as invitacións nos distintos establecementos de Lamela, en Bandeira ou no mesmo campo da festa dirixíndose a algún dos membros da comisión organizadora, sendo o prezo da tarxeta de 12 euros (1.997 pesetas). A festa gastronómica de Lamela rematará cunha verbena que estará amenizada polas orquestas París de Noia e Panorama.