FRANCISCO ROZADOS «ROCHI» A MIÑA FUSADELA
27 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Crerano ou non, pero cando Filomeno de Consuelo veu parar de novo a Trasdomonte despois de que perdera a perna naquel paso a nivel; desde que lla chapodara o mercancías de Irún, volveulle saír enteira. Si, si, non é literatura, non. Volveulle saír todiña, desde o moqueno ata a punta do pé, e aínda cos xoanetes que tiña antes de que o tren lla curtara a eito. Xa Novoneyra dicía que el tocaba ós seus antepasados coas mans cando estaba a arranxar unha casa súa do Courel. En Trasdomonte os antepasados están presentes a tódalas horas agás ás de xantar ou cear, porque non teñen apetito. Os antepasados de Filomeno foron os que lle argallaron unha nova perna. En Trasdomonte as cousas funcionan así. Contoumo Xan de Petra, o «tal que sei eu». Xan sempre anticipaba o «tal que sei eu» a calquera frase que pronunciara nas conversas. -Tal que sei eu, non sabes? O Filomeno miraba e miraba para a perna e non remataba de crelo, ata que lla tiven que beliscar para que se fixera de conta. En Trasdomonte as cousas pasan sen que ninguén saiba moi ben como é que acontecen. Eu pasei unha tempada alí cando era neno, e aínda lembro cando se me apareceu o espírito do gaiteiro da Graña. Unha mañá erguinme cedo para ir ós niños con Pedrito da Choupana e, cando fun abrir a fiestra, alí estaba, fincado no ar da mañanciña e comezando unha alborada, o rideiro ectoplasma, con toda a ausente presencia folclórica e dada. Eu nunca crin nos mortos, pero en Trasdomonte non era cuestión de crer ou non crer, alí o mundo é outra cousa, alí impóñenchese e rematas por velos e oílos, como dicía Xan de Petra, que queiras que non queiras, tal que sei eu, non sabes? Poida que a explicación estea na propia terra. Alí a herba, como xa dixen outro día, fabrica soños que as mulleres tecen despois. Nos prados irados, costentos, pódese observar como un fiiño de lene brétema se ergue cada vez que un soño nace. Trasdomonte é a expresión máis nidia da Galicia eterna e vizosa. Alí perduran as tradicións e as árbores seguen a acubillar cada un a alma dun humano. Cada vez que volvo a Trasdomonte acontéceme unha cousa rara. A última vez que estiven alí, paseando á beira do camposanto, alarmoume un ruído que escoitei e vin saír dun dos nichos un home coa faciana de levar morto moito tempo, ou alomenos sonámbulo. Cando se me achegou, puiden ver que se trataba de Felisindo da Filgueira. Contoume que, coa cardiana que levaba a noite anterior, a muller non o deixara entrar na casa e tivo que buscar acubillo onde soubo, e non soubo mellor que ir procuralo ó cemiterio. As cousas xa comezan a non ser o que eran en Trasdomonte. Noutro tempo, non sería Felisindo o que me iría ó encontro, senón unha alma en pena ou o corpo a medio podrecer dun muiñeiro asasinado de noite. Estase comezando a perder a tradición. Comézase por ver homes en vez de espíritos e rematase por comprobar que a estadea non é máis có reflexo das luces do tren que atravesa a fraga, e así non se mantén unha tradición como é debido. Xa o dicía o tal que sei eu, non sabes?.