AMELIA FERREIROA PROTAGONISTAS José Luis Vila, presidente da Asociación de Cabaleiros do Deza A Asociación de Cabaleiros do Deza celebrará os vindeiros días 20 e 21 de abril a segunda edición da Feira do Vento. Unha feira que presenta neste exercicio novidades tales como a primeira ruta a cabalo dende Rodeiro ata O Vento e unha gran cea-baile que estará amenizada por dous grupos. O domingo, día grande da festa, haberá pregón, degustación de carne de potro, posta en escea dunha obra de teatro, música, unha exposición de artesanía e actividades deportivas.
13 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.A Asociación de Cabaleiros do Deza xa pechou a programación de actos de cara a celebración da segunda Feira do Vento. -¿Que lembra daquelas vellas feiras que se facían no Vento? -Gardo moi bos recordos. Xuntábase moita xente entorno ó mundo do cabalo e os castellanos viñan ata a Feira do Vento para mercar as mulas. Dende a asociación decidimos recuperar a feira o ano pasado porque precisábamos un evento así no que todos nos puidéramos xuntar. -¿Que novidades hai para esta edición? -A primeira é que haberá dous días de actividades. Farase a primeira ruta a cabalo dende Rodeiro ata O Vento polo camiño que fixo o alcalde de Rodeiro e xente de Lalín. Nós faremos o mesmo camiño pero a cabalo. O domingo teremos un campeonato de tiro á corda e unha xincana de carrilanas. -¿Degustación de carne de potro e pregón? -O Tío Xanete, home moi coñecido, será o encargado do pregón e os que o desexen poderán probar a carne de potro.