A vida, en «Galicia en Foco»

AMELIA FERREIROA LALÍN

DEZA

Corenta e sete fotoxornalistas galegos amosan a actualidade informativa dun ano en fotos

08 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

No Museo Municipal de Lalín amósase dende onte a exposición «Galicia en Foco ou os fragmentos da vida» do Club de Prensa de Ferrol. Unha mostra itinerante na que corenta e sete fotoxornalistas galegos recolleron coas súas cámaras «a imaxe brotada da urxencia, da necesidade de captar con rapidez o inmediato», explicou en Onda Cero Lalín a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto. Unha mostra que presenta a través das instantáneas a vida política, cultural e social de Galicia no pasado ano. Fotos que, en moitas ocasións, puideron ver os lectores dos distintos xornais galegos. Entre os fotoxornalistas participantes boa parte deles son de La Voz de Galicia. Caso de Ramón Leiro, Ramón Capotillo, Álvaro Ballesteros, Marta García Brea, María Noguerol, Francisco Rodríguez Añón, Xoán Soler ou Óscar Vázquez. A mostra «Galicia en Foco ou fragmentos da vida» permanecerá aberta ó público ata o vindeiro 27 de marzo nas salas do Museo Aller Ulloa.