Por camiños e aldeas asentadas en latitudes de viñas, como O Salnés, é moi probable que na maioría dos casos a taberna particular -pois tamén as había públicas- fose en orixe sinxelamente unha bodega na que se vendía viño, adaptándose para este mester coa provisión dalgúns elementos do máis rústico mobiliario. A xente acudía a mercalo ó por menor, para levalo á casas, ou ben o consumía in situ, a pé de cuba. A taberna xurde así, como dicían unhas ordenanzas municipais compostelás do século XVI, debido ó feito de que «algunas personas acostunbran yr a beber a las bodegas donde se bende bino». Os taberneiros que despachaban viño en comarcas vitícolas vendían fundamentalmente o mosto que eles mesmos colleitaban, aínda que tamén podían despachar partidas fornecidas por outros bodegueiros. Isto rixe tamén para as tabernas das cidades e vilas de comarcas vitícolas, como podían ser Cambados ou Betanzos: os taberneiros residían na súa casa-adega da cidade e cultivaban as viñas que tiñan nas súas fincas urbanas, no alfoz ou polos arredores. Moitas tabernas continuaron sendo anexos das casas particulares, especialmente no medio rural, ata practicamente os nosos días.