«Olladas do Planeta», de xira

AMELIA FERREIROA LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

O Festival de Cine sobre as Minorías, que se desenrolará en Pontevedra, foi presentado en Lalín

12 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O Festival de Cine sobre as Minorías «Olladas do Planeta» foi presentado o pasado venres na Casa da Xuventude de Lalín polo director do proxecto Iván Prado e amosouse o documental de Fernando León, Caminantes. Esta xira galega, que comezou en Ferrol o 17 de Nadal e que se extendeu ata diversos puntos de Galicia, pretende dar a coñecer o Festival de Cine que se desenrolará entre os días 15 e 20 de xaneiro na cidade de Pontevedra. Este festival nace, segundo o seu director, como unha iniciativa pioneira na península «para promover a difusión do cine de diferentes culturas, aquel que representa e proxecta a diversidade cultural do noso planeta». É unha ollada diferente sobre o mundo do cine, cun discurso ético e artístico diferente no que xera a actual sociedade de espectáculo, globalizada e consumista, engadiu Iván Prado. «Olladas do Planeta» acollerá longametraxes e curtametraxes, documentais, conferencias, debates e unha exposición fotográfica. Ó longo de cinco días proxectarase cine catalán, latinoamericano, africano, galego e francés. Tributaráselle unha homenaxe ó francés René Vautier coa proxección de Quand tu disais Valery, Afrique 50, Avoir vingt ans dans les Aurès e Techniquement si simple. Os que se acheguen ó festival terán a oportunidade de ver unha exposición fotográfica e asistir á presentación dun libro sobre os irmáns Barreiro, Enrique Barreiro, cineasta e inventor, organizada por Xosé Henrique Acuña. Mentras, as conferencias versarán sobre o «O futuro do audiovisual en Galicia», «Cinema en linguas minoritarias» e «O cinema de autor ante a globalización cultural».