O artista lalinense Antón Iglesias foi seleccionado para participar novamente na mostra itinerante
28 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.O artista lalinense Antón Iglesias acaba de ser seleccionado para participar na Bienal Eixo Atlantico á que se presentaron un total de 141 obras e das que foron seleccionadas tan só 36. O presidente do Eixo Atlántico, Manuel Cabezas, o Director Xeral de Caixanova e o editor de Nova Galicia Edicións firmaron un convenio para promover dita bienal e fomentar o coñecemento da creación cultural na eurorexión. A Bienal Eixo Atlántico é unha mostra itinerante que ó longo de dezaoito meses percorrerá outras tantas importantes cidades portuguesas e galegas. A exposición iniciarase o vindeiro 11 de xaneiro en Braga cun acto onde se farán públicas as obras gañadoras da presente edición. Posteriormente, a mostra estará exposta nas cidades de Viana do Castelo, Guimaraes, Porto, Vila Nova de Gaia, Peso da Régua, Vila Real, Chaves e Bragança, todas elas sitas en Portugal. Ourense será a primeira cidade galega na que se poderán ver, no vindeiro mes de outubro, as máis de sesenta obras da Bienal Eixo Atlántico. Exposición que estará emplazada logo en Monforte de Lemos, Lugo, Ferrol, A Coruña, Santiago, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo. Na cidade olívica rematará esta exposición itinerante en xuño de 2003. O artista lalinense, Antón Iglesias, resultou seleccionado para esta Bienal Eixo Atlántico ó presentar unha composición pictórica de nove cadros de pequenas dimensións. Trátase, segundo ó autor, dunha obra feita expresamente para esta bienal. Cabe lembrar que Iglesias xa participara anteriormente nesta mostra e, recentemente, amosou as súas creacións máis recentes nunha mostra individual que se colgou nas salas do Museo de Lalín.