KENNEDY MORREU EN FORCAREI

La Voz

DEZA

FRANCISCO ROZADOS «ROCHI» A MIÑA FUSADELA

04 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O xoves da outra semana tiven ocasión de compartir mesa con dous homes que poden sé-lo paradigma da versión galega do soño americano, na versión que Hollywood nos deixou, é dicir, a versión na que de verdade triunfa o estranxeiro que chega con ansia de cumpri-lo seu soño e ó que se lle abren mesmo as portas da Casa Blanca, ou o que é o mesmo, a antítese do que Chano Piñeiro nos brindara maxistralmente na súa inesquecible Sempre Xonxa, na que o galego voltaba triste, derrotado e desnortado á aldea e á casa da que partira coa ilusión de gañar os cartos que o redimirían da miseria da terra. Estou a falar de Angel Sieiro Roubín e do seu curmán e socio José Maria Penas Roubín. Emigraron nos anos cincuenta, desde a súa Pardesoa natal, ós Estados Unidos, e nos sesenta fundaron unha empresa de construcción que nos noventa chegou a situarse entre as dez primeiras do ranking dos U.S.A. Pero quizais o fito máis importante nos xa case corenta anos da empresa sexa que nos setenta resultaron adxudicatarios das obras do panteón da familia Kennedy, onde xacen enterrados o que fora presidente dos Estados Unidos, John Fitzgerald Kennedy, que estivera provisionalmente enterrado noutro lugar antes do remate das obras do panteón, e o seu irmán Robert Kennedy, ex-fiscal do Estado e candidato a presidente cando foi tamén asasinado. A empresa participou no concurso para as obras que foi levado polos "U.S. Army Engineers" (corpo de enxeñeiros do exército americano), e resultou elixida entre outras vinte que tamén se presentaran. Tamén falaron, no decurso do xantar, de que un forcaricense, da aldea de Pousada (Pardesoa), morrera na guerra de Corea coma integrante da armada americana, co que se confirma o dito de que en calquera evento que se produza en calquera parte do mundo, ha de haber por forza un galego polo medio. Pero o máis interesante destes dous emprendedores da nosa terra é o que fixeron polos seus veciños, ós que foron levando para alá contratados na empresa e que hoxe gañan salarios que poderían tranquilamente causa-la envexa dalgúns executivos españois. Homenaxe á emigración Por iso, non descubro nada dicindo que a enseña que a Asociación de Amigos da Terra de Montes vai impoñer a Ángel Sieiro Roubín o vindeiro día 10 de agosto en Beariz, xunto coa que se lle imporá tamén ó meu admirado amigo e mestre Manuel Cabada Castro, constitúe unha sinceira e profunda homenaxe á emigración que sangrou estas nosas terras na primeira metade do século XX, incluíndo, por suposto, a aqueles que, como retrataba Chano, non tiveron a mesma sorte e talento que Ángel e José María, porque estes dous conservan a humildade que só se xera sendo neno nunha aldea galega, e podo dar boa fe delo agora que os coñezo mellor.