NONITO RODRÍGUEZ IGLESIAS HISTORIAS DE AQUÍ
15 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Paseaba o outro día tranquilamente polo parque da Carnota cando vin ó lonxe que se acercaba o Antón (un tipo bastante político e que semella andar sempre ó día). -¡Boas tardes, home! -dixo o Antón- Eló, ¿que carallo andas a facer? -Nada ando... -Nada, nada; sempre se di nada e despois dise todo. Bueno... fala. -Nada, que... -¡Arre carallo!, outra vez. Non che digo. Nada, nada... e despois... ¿Pero ti non te adicas á escola? -Si. Pero o de nada é unha fórmula que se emprega... -Na Fórmula 1 -dixo o Antón rindo- ¡Pois así os rapaces van aprender de carallo! Agora só se oe falar de que os rapaces teñen que estudiar. Atúrdenme o celebro, pero, ¿onde van? ¿onde se van meter tantos estudiantes? ¿É que só vai haber matasanos neste país, ou menistros? Propúxenme convencelo de que o estudio e o saber eran un dos maiores tesouros que pode te-lo ser humano e contesteille: -Antón, estudiar non é sinónimo de ser conselleiro ou médico, senón ter un nivel aceptable de cultura aínda que despois se traballe de... -Si, iso, iso é: un médico traballando de albañil. Iso é o que vai haber neste país. Tes toda a razón. -¿E que pasa su un médico ten que traballar de albanel ou de...? -¿De que...? ¿Que dixeches? Home, nunca vira eu un médico hilbanando e facendo de costureira. Mira, voume xogar ó tute, e sigo dicindo que estudiar pa ná, é tontería. Revirouse un pouco e marchou. No parque Facía boa tarde, así que decidín sentarme nun dos bancos do parque. Saquei un lapis da chaqueta e unha folla do porta e díxenme: a este Antón voulle facer eu unha lista das cousas interesantes que ten o estudio: 1) Estudiar non é sinónimo de ter un bo traballo, pero estudiando podo optar ós traballos dos que estudian. 2) Estudiar é saber. 3) Saber é comprender que todos os traballos son igualmente honrados. 4) Saber é estar sentado nunha mesa e poder falar de calquera tema. 5) Saber é meterse nun hospital e poder desenvolverse perfectamente. 6) Saber é comprender unha carta do banco. 7) Saber e ir ó cine e facer unha boa crítica, entendela. 8) Saber é visitar o acueducto de Segovia e ficar impresionado. 9) Saber é dubidar. 10) Saber é ser tolerante. 11) Saber é saber escoitar. 12) Saber é darlle a razón ó que se empeña en que sabe e non sabe (xa tropezará). 13) Saber é darlle a razón ó que se empeña en querer non saber (xa tropezará tamén). 14) Saber é ter cultura. 15) Saber e ter cultura e vivir en paz. Velaí ven o Antón outra vez. Cando chega empeza a latricar coma un can e así estivo dez minutos. Marchou aín latricando. Eu cravei os meus ollos en ningures, amosando un pequeno soriso e, en voz baixiña, exclamei: -Antón, non escoitas, ¡pois toma puntos 11, 12 e 13!