Antía Pérez, xogadora do FSF Castro: «Estou moi contenta, foi algo incrible, xa estamos pensando dentro de catro anos»
DEPORTES
A ala competiu no primeiro Mundial da historia gañando a medalla de bronce
24 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Antía Pérez García (Vigo, 2000) gañou a medalla de bronce coa selección española no primeiro Mundial da historia xogado recentemente en Filipinas. A xogadora de Laza marcou tres goles, un deles no partido pola medalla de bronce contra Arxentina (1-5). Fichou este pasado verán polo FSF Castro Bloques Cando. Unha ala destra sempre competitiva, asociativa, con gol e defensivamente difícil de superar no un para un e nas disputas. Gañou dúas Ligas, dúas Copas e dúas Supercopas en tres tempadas no Burela FS.
—Como valora o seu rendemento no primeiro Mundial da historia?
—Moi contenta a nivel persoal, foi algo incrible, o primeiro Mundial da historia! Demos un salto de calidade e nótase. O Mundial deixoume unha sensación agridoce porque deume un pouco de rabia ter esa sensación sendo o primeiro Mundial. Sensación agridoce polas baixas, pola baixa de Peque (Patricia González), que persoal e anímicamente tocoume moito. Nese senso, bastante triste, pero leda porque, ao final, Peque ensinoume a vivir o fútbol sada dun xeito moi diferente ao que vivía antes, ensinoume a gozalo, a competir. Entón, leda por gozalo por ela. Para o noso deporte foi algo incrible poder ter o primeiro Mundial. É moi merecido. Estamos aquí, queremos máis. Estou moi satisfeita polo traballo e xa estamos pensando dentro de catro anos para ter esa revancha con Brasil ou con quen sexa. Portugal tamén competiu bastante ben contra Brasil. Queremos traer ese Mundial para España, seguiremos a traballar moito e moi duro.
—Dende fóra, tiven a sensación de que estabades moi preparadas a nivel físico, mental e de pico de forma para este Mundial. É así?
—Si, aí quitábanse tódalas doenzas, tódalas molestias que traïamos de fóra. Pasaron a un punto e aparte. Foi como estar vivindo outra vida ese mes que pasamos en Filipinas. Estabamos moi preparadas a nivel mental, moi preparadas físicamente. Contra Brasil non saímos ao noso máximo nivel, xogáronnos unha mala pasada os nervios quizais, nós tivemos unhas perdas que contra Brasil sabiamos que non podiamos ter. Igual tamén pecamos un pouco de xuventude, eramos unha selección moi xove porque faltabannos esas pezas que poñían a calma. Iso sérvenos para aprender. Demos un bo nivel. Fixemos un Mundial bastante bo para ser o primeiro e ser xente tan xove. Afrontouse dunha maneira moi viva, moi especial.
—Como valora o seu rendemento individual e, ademais, marcando tres goles?
—Estou bastante leda, satisfeita. Non me conformo porque sempre quero máis, sempre quero ser mellor que onte. Agora, xa véndoo desde fóra, penso que oxalá tivese feito isto ou outro. O único que queda é seguir a traballar para mellorar ese nivel, pero contenta polo traballo que fixen. Aportei o que tiña que aportar á selección. Seguirei traballando para poder seguir aportando, que me sigan chamando e poder ir sumando o meu grao de area.
—En que aspectos de xogo está vostede poñendo máis o foco nas últimos temporadas?
—Algo que sempre me repite Julio (Delgado) é que teño que pensar máis, a nivel mental teño que estar un paso por enriba. É o que máis fincapé fago. No nivel físico, por sorte, xa son son un touro e un tractor, aí xa só me queda seguir indo ao ximnasio (rise), pero a nivel mental teño marxe de traballo moi amplo e traballo día a día para mellorar mentalmente, para poder afrontar partidos deste tipo, sacalos adiante e, sobre todo, conectar ao resto, meter esa chispa de máis que, por exemplo, Peque (Patricia González) facía moito. Peque tiña algo moi diferente ao resto, que era esa chispa, ti a mirabas, xa te acendía e xa te metía no xogo. Gustaríame ser un pouco como ela, tentar seguir tendo esa chispa e seguir traballando para transmitir confianza ao resto e que estén metidas no partido.
—Como valora o Mundial a nivel loxístico e organizativo?
—Pois sorprendeume para moi ben. Tanto a Federación de Filipinas como a FIFA fixeron un traballo moi bo, o pavillón era espectacular, había tropecentas cámaras, había unha que corría polo campo máis ca nós (sorrí) e detrás de nós. Foi espectacular. O nivel de organización e hoteles foron moi bos. Deixounos un bo sabor de boca todo o que nos transmitiu o Mundial.
—Como foi enfrontarse nas semifinais do Mundial a unha ex compañeira como Emilly Marcondes, coa que xogaches as últimas tres tempadas no Burela FS?
—Xa sabemos do que é capaz Emilly, lévao amosando moitos anos. É unha xogadora que está a un nivel moi top. Sempre é moi especial e moi satisfactorio enfrontarse a xente como Emilly, que te fai ser mellor, faite poñer as pilas para que Emilly non te leve. É un pracer e un orgullo enfrontarte a xente como ela que che poñen as cousas difíciles e faite esforzar ao máximo. Emilly é unha xogadora incrible, é agora mesmo a mellor xogadora do mundo.
—Como foi compatir selección con ex compañeiras durante o Mundial?
—É o bonito do fútbol sala, poder compartilo tamén na selección con Peque (Patricia González), con Irene Samper, con Danny (Domingos) e con Ale (de Paz). Compartín equipo con bastantes! É moi especial. E tamén enfrontarme a xogadoras como poder ser (Julia) Dupuy, con Arxentina, que foi compañeira miña tamén no Poio, tamén é moi especial. Ao final, era o Mundial de todas e daba igual calquera cuestión que fora insignificante porque ía ser para nós outro mundo e incrible.
—Que mensaxes recibías dende Castro Ribeiras de Lea, Burela e Laza?
—O que máis me dixeran era que gozase, que traballara moito para estar e que só eu sabía o que sofrera para chegar alí, que agora só quedaba gozar do camiño. Pónseme agora mesmo a pel de galiña e erízaseme mentres falo disto, Millán! Tiven tan mala sorte coas lesións! Fixen un traballo incrible para poder estar aí, tiven moita forza de resiliencia e agora só quedaba gozar do camiño. Verme aí foi un orgullo inmenso en mín mesma.
—Como analiza a clasificación do FSF Castro Bloques Cando para a fase final da Copa gañando 1-2 ao Guadalcacín FSF?
—Unha vitoria moi importante, moi traballada. Estamos un pouco mermadas polas baixas, somos unha plantilla moi curta e iso ao final nótase. Sacamos a garra precisa para o que se require na Copa. Fixemos un partido moi serio. Era o partido que tiñamos que facer sen inventar, simplemente facer dúas cuestións básicas que nos mandou Julio (Delgado). Adiántamos no marcador e logo gañamos co gol de Dani Sousa. Estou moi leda polo traballo do equipo e por como estamos a competir os partidos pese as baixas que temos.
—Que dúas cuestións vos propuxo Julio Delgado?
—D—ixo que fixésemos o básico, que había que meter o balón á pivote e algunha entrada que outra para finalizar. Tiñamos claro que había que defender mpi duro. Desvivímonos en defensa e no ataque fixemos o que puidemos coas poucas forzas que nos quedaban. Para o Castro é moi bo levar tres tempadas consecutivas indo á fase final da Copa. Estou moi feliz. E tamén polo xeito no que o viven eles dentro do club, víveno dunha maneira moi especial e moi diferente a todos. Estou moi agradecida por poder brindarlles esta clasificación.
—Como está a ser a súa vida agora en Castro Ribeiras de Lea?
—Vivo en Burela e vou adestrar. Vou e veño.
—Como está sendo ese día a día?
—Pois ben, non me custa nada ir e vir porque é algo que me gusta moito facer, que é xogar ao fútbol sala. Entón, lémbrame cando empecei a xogar (sorrí), que ía e viña a Ourense tódolos días. Lévoo bastante ben polo momento, a ver que tal no inverno (sorrí).
—Como valora o rendemento actual do FSF Castro na Liga?
—Estamos a facer un bo traballo. O equipo enganchouse moi rápido ao tren de Julio (Delgado) e é algo moi positivo porque nós, as ex do Burela, levamos moito tempo con el, aínda que haxa cuestións que seguir limando. O equipo foi collendo a base e iso é algo moi importante de cara ao que nos vén agora a partir de xaneiro. O único que queda é seguir traballando e confiando no que nos transmite Julio e seguir competiendo. Estamos mermadas coas baixas e somos unha plantilla curta. Esperamos que agora en xaneiro os reforzos poidan adaptarse rápido e poidan estar o máis rápido posible con nós para poder axudarnos a seguir medrando.
—Como é o FSF Castro como club?
—Sorprendeume para moi ben. Visto dende fóra si que parecía algo así similar a Burela por todo o agarimo que se recibía da xente. Así foi. Entrei alí e parece que levo alí toda a vida, trátanme como se fora a filla ou a neta deles. Fanme sentirme como na casa, fante sentir importante tamén. É un club que está a apostar moito polo fútbol sala, que está medrando e oxalá haxa máis clubes como o Castro porque están facendo as cousas moi ben e están a apostar polo fútbol sala feminino.
—Como é xogar como local no Pavillón Municipal de Deportes de Castro Ribeiras de Lea?
—A afección sorprendeume para moi ben. Non minto se digo que ao comezo custábame porque a afección laranxa é a afección laranxa, sempre tira moito. Pero en Castro víveno moito, transmiten moito, é igual que sexa contra o Melilla ou contra Torcal. Sempre están dando ao 100 %. Faime erizar a pel cada dous sábados.
—Que destaca da súa compañeira Area Loureiro, porteira lucense?
—É unha rapaza nova que ten que seguir traballando e aprendendo. Ten un gran cabecilla como é David (Pena Roibás), que fai que a portería pareza sinxela. Non lle queda outra que seguir traballando e aprendendo porque as cualidades as ten. Que siga cos pés na terra e traballando sempre. David é unha persona moi, moi boa, un profesional moi bo e vai a axudar moito a Area.