A Burela chegou David Rial como un técnico mozo e cheo de aspiracións e creo que marcha feito un señor adestrador máis que preparado para adestrar na elite e incluso en proxectos máis ambiciosos que o que tivo o gusto de pilotar o pasado curso na máxima categoría. O que aposte por el sen dúbida acertará porque levará un técnico formado, traballador, ambicioso e, por riba de todo, unha persoa que é capaz de comprometerse co club ao máximo. Nunca vira a un adestrador do Burela FS traballar durante os cinco días do Memorial Heroes do Orzán como un voluntario máis cando o cómodo e sinxelo, a finais de xuño, sería marchar de vacacións unha vez rematadas as ocupacións propias do cargo de adestrador do primeiro equipo.
Tivo que pelexar cada verán cun orzamento inferior ao anterior para configurar os seus planteis, mesmo no devandito ano na mellor liga do mundo, e, ademais, nos momentos de maior inestabilidade institucional que se recordan en Vista Alegre, non dubidou en poñer a cara polo club, como naquela enérxica rolda de prensa posterior ao derbi co Noia. Aínda que iso significase recibir algunhas críticas, sobre todo desde fóra de Galicia. Alén das vitorias e os éxitos, para min son estes detalles os que realmente marcan a diferenza.
A pesar da súa xuventude, na súa primeira tempada soubo recuperar a un equipo moi tocado animicamente despois dun ano durísimo na elite e conduciuno á unha final do play off que se resolveu dun xeito moi cruel en Alzira a dúas décimas do final. Máis cruel foi aínda o desenlace o pasado maio con ese inmerecido descenso na derradeira xornada en Cartagena logo de estar toda a tempada fóra da zona que condenaba a baixar a Segunda. Ademais, un descenso cos mesmos puntos que o Noia, que finalmente se salvou.
Estou convencido de que este non era o xeito no que imaxinaba despedirse de Burela e do club, tanto polo momento, a mediados de tempada, como pola situación clasificatoria do equipo, pero hai veces que a vida e o deporte son caprichosos e escollen camiños que non desexamos. Sexa como for, teño claro que deixa unha fonda pegada en Burela, profesional e persoal.
Moita sorte no futuro, David, e, xa falando máis como afeccionado laranxa que como xornalista, encantado de que foras o patrón do noso equipo masculino durante tres tempadas e media e moitas grazas por facernos tan felices aquel inesquecible 15 de xuño do 2024, logo de darlle forma a un auténtico equipo de autor e conseguir un moi meritorio ascenso a Primeira. Tampouco esquecerei aquela aperta en Cartagena mentres aínda mastigábamos un descenso durísimo. Non o mereciades, pero así é o deporte. O bo é que tamén dá revancha e oxalá algún día te volvamos ver sentado no banco laranxa. Dun rialista convencido, ata sempre!!!