Os adeus sempre doen, marcan o corazón... mais os recordos mantéñense activos e veñen remexer nel posibilitando que o cerebro deseñe, novamente, momentos máxicos, inolvidables e irrepetibles que se converten no xermolo dunha lenda.
No 2023 non me sorprendiches coa túa despedida ante unha afección exultante que che brindaba un recoñecemento, moi merecido, nun pavillón ateigado ata a bandeira; esa de cor laranza que segues enarborando en cada ocasión e lugar que se tercien... Hoxe tampoco me cachas nesta nova despedida, na derradeira, esta vez, dun mito do fútbol sala feminino...
Deixaches o solpor dun mar laranxa para dar continuidade ao teu soño e xogar o primeiro mundial da historia do futsal feminino. Imaxinaches escribir cos pés unha nova historia no teu libro de ouro, no libro do deporte, no das mulleres e nenas que loitan..., pero, cousas do destino, non puideches baleirarte na pista e dar un espectáculo como fas cada vez que tes un balón diante das zapatillas.
A vida é así... non todo sae como temos planexado ou agardamos que saia. Ás veces os fíos do universo ténsanse para o lado que non esperamos e móvennos coma se fósemos monicreques, escribindo o futuro por nós e tirándonos dos beizos a guinda do pastel que estabamos a piques de comer.
A Selección acadou un bronce en Filipinas pero ti coroácheste cun ouro histórico nos pés, Peque. Con xenio bravo, si, mais tamén con elegancia, técnica, visión de xogo, esforzo compañeirismo, deportividade e resiliencia.
Brindo pola túa excelsa carreira deportiva e deséxoche que o futuro che depare todo o bo que mereces por todo canto aportaches, e vas seguir achegando, ao futsal e ao deporte feminino en xeral.
Desde o corazón dunha rinlega de pro para unha pataqueira de adopción. Outra máis...