Xoel Rodríguez: «Nunca parei de traballar para ter unha oportunidade no Viveiro»

Iván Díaz Rolle
IVÁN ROLLE VIVEIRO / LA VOZ

DEPORTES

<span lang= gl >Xoel Rodríguez loita pola pelota na recente visita do Silva a Cantarrana.</span>
Xoel Rodríguez loita pola pelota na recente visita do Silva a Cantarrana. PEPA LOSADA

Tras catro meses no ostracismo, suma seis titularidades en sete partidos e estreou a súa conta de goles na importante vitoria en Noia

14 abr 2025 . Actualizado a las 21:40 h.

Poucos futbolistas mostran tan ben como Xoel Rodríguez García (Viveiro, 2000) a pequena revolución proposta por Adrián Benavides para manter ao Viveiro CF na Terceira Federación. O centrocampista da canteira pasou de esquecido a heroe. Sen disputar máis ca catro minutos repartidos en dous encontros nos catro meses previos á chegada do adestrador da Bañeza, agora acumula seis titularidades nas sete últimas xornadas e estreou a súa conta de goles cunha diana fundamental para a vitoria por 2-3 no feudo do Noia.

«Viña do Burela, de Primeira Rexional, foi difícil adaptarme e, ademais, foi unha tempada difícil con tres adestradores distintos. Foi complicado pasar tantos meses sen xogar practicamente nada, pero nunca parei de traballar para ter unha oportunidade no Viveiro. Quería estar preparado se nalgún momento chegaba o meu momento e estou moi agradecido da confianza que me está dando Benavides», reflexionou un pivote que se agarrou ao equipo cando saltou ao campo en substitución de Sylla, que sufriu unha luxación de ombreiro no 1-1 no feudo do Somozas.

Dende entón só comezou un partido desde o banco, a derrota por 4-0 ante o Alondras, na que xogou toda a segunda metade e, pouco a pouco, foise familiarizando con posicións máis ofensivas para serlle útil ao seu técnico: «Pasei varios partidos xogando de mediapunta e en Noia, como temos a baixa de Germán, e Santín e Arturo tiñan molestias, xoguei de dianteiro xunto a Rolle».

No Julio Mato, o debú de Xoel como home de referencia no ataque non puido ser mellor: cazou unha pelota solta á saída dun córner para firmar o 0-1 preto do descanso. «Non son a persoa con máis gol do mundo, nin moito menos, pero estou feliz porque foi importantísimo, nun partido no que tíñamos que gañar si ou si. Foi un pouco de rato de área, ata a min mesmo me custaba crer que o marcara»,

Con outros dous goles nunha internada de Adrián Lombao pola esquerda e Lucas Fanego pola dereita, os celestes consumaron unha vitoria balsámica que os deixa con tres puntos de vantaxe sobre as posicións de descenso cando lles quedan seis partidos por xogar. 

Xoel, con peto, festeca xunto a Diego un gol do Viveiro esta tempada en Cantarrana.
Xoel, con peto, festeca xunto a Diego un gol do Viveiro esta tempada en Cantarrana. PEPA LOSADA

O xoves, fronte ao Arousa

«Estou contento por ir sumando minutos e titularidades e, especialmente, por aportar para que o Viveiro poida lograr o obxectivo de manterse», destacou un futbolista que agarda que a boa dinámica do conxunto mariñán continúe esta semana na visita ao Arousa (xoves, 19 horas) e o derbi lucense contra o Racing Vilalbés en Cantarrana (domingo, 17.30 horas). «Contra o Arousa sabemos que xogamos nun campo moi difícil e contra un rival fortísimo, que quere entrar no play off, pero tamén se deixou puntos nas últimas xornadas e nós iremos a por todas, dispostos a seguir sumando para lograr salvarnos o antes posible», analizou Xoel.

Tras debutar en Cantarrana da man de Chusky cando aínda era xuvenil, no 2017, o canteirán completou un longo viaxe de retorno: «Xogaba no Compostela B cando veu a pandemia. Parei un ano por iso e ao seguinte fun de Erasmus a Italia e aparquei o fútbol. Logo pasei outro ano estudando en Valencia e xoguei alí en rexional. Ao volver, chamoume Luchi para xogar no Burela e collino con moitas gañas. Este verán, cando me chamou o Viveiro, non dubidei en ningún momento».