«O descenso é un fracaso e eu son o máximo responsable»

Ignacio Meitín Buján
I. MEITÍN BUJÁN FOZ / LA VOZ

DEPORTES

Non houbo miragre. O Celtas de Foz xogará a vindeira tempada na terceira categoría galega se a Federación non o remedia cunha reestruturación ou se producen renuncias dos clubes con dereito a estar en Segunda. O descenso do equipo focense víase vir e del responsabilízase o seu adestrador, Pablo Castro, sempre disposto a dar a cara e dicir o que pensa.

-Como afeccionado acérrimo do Celtas, ¿como leva este mal trago?

-Con moita mágoa, estou bastante fastidiado. Dóeme sobre todo polos xogadores e por toda esa xente que vén cada sábado ao pavillón de Marzán.

-¿É un fracaso ou só unha decepción?

-Creo que non somos o segundo peor equipo do grupo, polo tanto é un fracaso e eu son o máximo responsable. Non encontrei a tecla axeitada para controlar todas as adversidades que nos xurdiron ao longo da tempada, que foron moitas.

-A sorte foi unha gran inimiga do Celtas, ¿non cre?

-Non quero que soe a excusa, pero o certo é que foi bastante inxusta con este equipo. No tema das lesións, en moitos partidos nos que fixemos méritos para gañar e acabamos perdendo... Contamos cunha plantilla moi limitada, pero, como dicía antes, penso que non somos o segundo peor equipo do grupo.

-¿Estas cousas quítanlle a un as gañas de seguir?

-A min non. Foi un ano malo, nada máis, non hai que dramatizar. Gústame o baloncesto e sinto paixón polo Celtas, e si a directiva quere seguirei como adestrador.

-Se mira á canteira, ¿que futuro lle pronostica ao club?

-Hai xente traballando moi ben por abaixo. De nós depende que o futuro do Celtas estea nas mans do nosos canteiráns.