O Atlético Arousana escolleu o domingo o peor campo para prolongar unha semana máis, e xa van tres meses, a súa seca no que a triunfos se refire na Segunda División do fútbol feminino español. Coa súa derrota no feudo do Ponferrada, 3-2, as pupilas de Moisés Campos deixáronse superar na táboa por un rival directo, intercambiándose o antepenúltimo e o penúltimo postos na clasificación, ambos de descenso directo.
Certo é que o conxunto vilagarcián se atopou na mañá do domingo cun terreo de xogo enlamado, no que o control do esférico resultaba unha tarefa titánica. Mais as condicións do campo eran iguais para ambos equipos, e o Ponferrada si soubo adaptarse ao fútbol de trincheira, gañando todos os balóns divididos que se poñían a tiro.
A isto o Atlético Arousana sumou a súa cada vez máis consolidada facilidade para agasallarlles aos seus adversarios goles en erros non forzados, ou case. Así chegaron os dous primeiros tantos do conxunto leonés, obra de Lucía Leal en xogada nacida dunha falta lateral no minuto 6, e de Lucía Rodríguez nunha mala cobertura en banda e unha deficiente resposta de Beli cando lle tocaba tapar o pao curto da súa portería ante o remate que valeu o 2-0 no minuto 22.
Belén recurtou case de inmediato, pero de novo o Ponferrada incrementaba a súa vantaxe á media hora de xogo, certificando a súa clara superioridade na primeira metade.
O novo tanto de Belén, que celebraba con feitos a súa recente convocatoria para a vindeira concentración de traballo da selección española Sub-19, deu paso a uns 30 últimos minutos de partido de dominio vilagarcián. O Arousana dispuxo dun par de boas ocasións para empatar, pero non acertou a aproveitalas.
PONFERRADA: Valderrey, Patricia, Jénnifer, Lucía Leal (Cristina, min 66), Paula Pastor (Felicidad, min 82), Patricia Martínez, Lorena, Natalia, Sara, Lucía Rodríguez e Elia María
ATLÉTICO AROUSANA: Beli, Paula González, Carla (Rai, min 34), Carolina, Paula Dapena (Lucía, min 66), Ariane, Bárbara, Zaira (Laura, min 46), Belén, Míriam e Alba Ferre
Goles: 1-0, min 6: Lucía Leal. 2-0, min 22: Lucía Rodríguez. 2-1, min 24: Belén. 3-1, min 31: Patricia. 3-2, min 59: Belén.
Árbitro: Aberl Martínez. Amonestou as xogadoras locais Paula Pastor e Cristina, e as visitantes Lucía e Laura.