«Hai tempo que perdín a ilusión da chamada dun grande»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

O arousán realiza un gran balance do seu 2013 a piques de concluír

06 sep 2013 . Actualizado a las 06:58 h.

Gustavo César Veloso chegaba onte de Brasil, onde repetíu no Tour do Río o segundo posto na xeral da Volta a Portugal. Con praza practicamente segura no OFM-Quinta da Lixa-Goldentimes para o 2014, amósase aberto a equipos de máis altas miras logo dun 2013 no que voltou probar a súa alta calidade, e que pechará con dúas carreiras dun día a comezos de outubro.

-Vaia final de tempada que se marcou vostede...

-O meu obxectivo era ese, acabar ben. O meu obxectivo era a Volta a Portugal. E o non rematar morto permitíume disputar outra carreira -o Tour do Río-.

-Triunfo no Trofeo Cidade de Amarante, vitoria na etapa raíña da Volta a Portugal, e dous segundos postos nas xerais da Grandíssima e do Tour do Río. ¿Satisfeito con este 2013?

-Este ano fixen catro segundos postos en carreiras e outros dous en xerais, e dúas vitorias. Si. Si. Estou satisfeito. Se a principios de tempada me din que ía conseguir o que conseguín, asinaba. Voltei a disfrutar da bici, e a rendir ao nivel que teño.

-Por primeira vez nos seus moitos anos de profesional disfrutou do papel de xefe de filas dun equipo...

-Si. Si. Si. Como xefe de filas no principal obxectivo do equipo. No Xacobeo houbo momentos nos que asumín o liderado, pero en carreiras menores nas que non estaban os xefes de filas. Foi unha experiencia. Aprendín o que é vivir esa presión toda, ese estrés de estar no punto de mira de todo o mundo. Cando estás de tapado, como me pasou moitas veces, corres máis tranquilo. Penso que o levei ben. Pero ao final tamén é algo que suma. É unha presión que está aí.

-As súas aspiracións tras completar a Vuelta a España do 2012 co Andalucía eran ben distintas. Nos seus plans aparecía un equipo UCI pro-tour ou profesional continental co que poder voltar a disputar La Vuelta, a máis galega da historia. ¿Como asimilou o acabar competindo nunha escadra continental?

-Asimileino ben. Cando acabou o Xacobeo propúxenme correr na categoría na que merecía estar. Arrisqueime a atopar un equipo que me puidera dar un bo calendario. E quedei sen equipo. O ano pasado voltei correr La Vuelta co Andalucía, pero fun arrastrando ese ano parado. Este ano, cando decidín correr con este equipo sabía que se non asinaba o contrato non ía correr, e que sería o final da miña carreira. Eu quería seguir camiñando cara adiante, e voltar a disfrutar da bici. O equipo tratoume moi ben, cumpríu comigo en todo. Fixo que volvera disfrutar da bicicleta. Que volvera engancharme a isto despois de dous anos nos que as cousas non me saíran ben. Axudou moito que estiveran Marque e Delio aí.

-O seu compañeiro de filas no OFM e bo amigo Álex Marque vén de fichar por un xigante da talla do Movistar. ¿Vese asinando un contrato así?

-Non o sei. Hai tempo que perdín esa ilusión, sendo sincero. O meu caso é diferente ao de Marque. Marque leva todos estes anos en Portugal, sen que lle deran a oportunidade. O meu caso é diferente. Logo de gañar a Volta a Cataluña e unha etapa da Vuelta a España, co meu currículo e quedarme na rúa sen equipo, ¿que máis tiña que demostrar para que un equipo grande me colla? Non o entendo. Pero é o que ten o ciclismo e o deporte en xeral. Hai que ter algo de sorte. Pero o pasado é o pasado. O único que che quedan son os recordos. Prefiro vivir o día a día. Se sae algo, sae, e se non, tentar aproveitar o mellor contrato posible. Agora valoras tamén outras cousas. Agora teño a miña propia familia. Pero evidentemente se ben un equipo Pro-Tour que me faría moita ilusión, pois claro que si. Quédanme moitas carreiras por ver e por disfrutar. O Tour de Francia, as grandes clásicas...

-A nova da desaparición do Euskaltel na semana de arranque de La Vuelta foi compensada pola compra da licenza do equipo vasco por Fernando Alonso. ¿Unha nova porta máis alta e ancha para Gustavo César Veloso?

-Tampouco. Porque o que fixo Alonso é axudar a que un equipo non desapareza. Aí xa hai corredores. Unha das condicións é manter o plantel. Non cambia moito o asunto respecto a este ano. Pero sempre pode haber quen se buscara a vida, e que queden vacantes. O que está claro é que o ciclismo está mal. Non é normal que no ránking mundial España sexa o número 1, e só teña tres equipos. Ciclistas bos en España hai, o que non hai é equipos para eles. Do meu futuro sei que o equipo no que estou quere que continúe. É evidente que de seguir en Portugal será aí. Agora téñome que sentar con eles, e ver se podemos chegar a un acordo. E logo non pechar as portas a que poida vir un equipo grande. Seguirei correndo ata que deixe de disfrutar da bici.

gustavo césar veloso ciclista profesional vilagarcián