«En Tailandia represento a todo o deporte da Mariña»

MIGUEL ALBO VIVEIRO / LA VOZ

DEPORTES

Cadramón afronta a disputa do Mundial con moita ilusión

26 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O adestrador mariñao Manolo Cadramón (Benquerencia-Barreiros, 1968) embárcase hoxe nun dos retos máis ilusionantes e apaixonantes dos que viviu nos máis de 25 anos que leva dedicándose ao fútbol sala. O técnico, que desempeñou todas as función posibles dentro deste deporte -tamén foi xogador, delegado e presidente-, marcha hoxe a Tailandia para participar no Mundial, que se disputa entre o 1 e o 18 de novembro, como segundo adestrador da selección de Libia.

-¿Como afronta o campionato?

-Con moita ilusión, porque entendo que é un premio a todo o que levo traballado por este deporte, e estar nun Mundial é o máis grande que lle pode pasar a un deportista. A miña intención é representar alí a todo o deporte da Mariña.

-¿Vai pasar por Libia ou viaxa directamente a Tailandia?

-Non, vou directamente a Tailandia vía Estambul. A miña intención era estar en Libia o 14 de outubro para dar uns cursos e participar en varios adestramentos, pero o adianto electoral [Cadramón tamén é xefe provincial de Deportes] provocou que atrasase a miña partida. Chegarei un día antes que o equipo a Korat, cidade que está a unhas tres horas de Bangkok e onde disputaremos os dous primeiros partidos.

-¿Que tal chega o equipo?

-Estamos preocupados porque temos a dous dos mellores xogadores tocados. Un deles creo que vai poder participar sen problemas e o outro será infiltrado para que poda xogar. A selección libia perdeu o ano pasado só por 2-1 con Brasil no Grand Prix, pero daquel equipo só quedan tres xogadores, polo que é un pouco incógnita.

-Tocoulles un grupo durísimo, con Brasil, Portugal e Xapón.

-Si, estamos o campión do Mundo, Brasil; o campión de Europa, Portugal; o campión asiático, Xapón; e nós, os campións africanos. Era difícil un grupo máis complicado, pero imos moi ilusionados. Brasil e Portugal serán durísimos, porque son dous equipos que creo que estarán en semifinais, e os xaponeses, que teñen a Miguel Rodrigo de adestrador, progresaron moitísimo e aínda antonte empataron cos brasileños. O ideal sería pasar segundos, pero se non é posible tentaremos estar entre os catro mellores terceiros dos seis grupos. Isto faría que ao mellor nos cruzásemos con España en oitavos. Se temos que quedar eliminados que sexa contra eles.

-Será un torneo con moito acento español.

-É certo. Ademais de Venancio con España e eu e Pablo Prieto con Libia estarán Miguel Rodrigo, un bo amigo meu ao que me fai moita ilusión enfrontarme, con Xapón, Luis Fonseca con Kuwait y Paco Araújo con la selección de el Líbano.

manolo cadramón segundo adestrador da selección de libia