O cadro illense manteráse fiel á proposta que o devolveu á Terceira
25 ago 2012 . Actualizado a las 06:58 h.Ao Céltiga agárdalle desde mañá un esixente regreso á Terceira, no campo dun dos galos da categoría, o Cerceda. Coa directiva amagando este verán con botar o peche ao club polo conflito polo reparto das festas gastronómicas locais, Manolo Núñez tivo que conformarse con reunir un equipo algo xusto. E por riba, Sombri quedou k.o. para tres meses tras partirse un pómulo no Trofeo San Roque. Inda así, o técnico confía na permanencia.
-É de imaxinar que este non é o plantel co que contaba voltar á Terceira cando na primavera o Céltiga certificou o ascenso...
-En certo modo non. Porque contaba con que algúns xogadores importantes que nos axudaron moito a ascender continuaran no equipo. Por diversas circunstancias perdemos activos importantes. E logo, tivemos un hándicap de peso. Que un club modesto como o Céltiga tivera que traballar co tempo en contra. De feito, aínda estamos co plantel sen terminar de confeccionar.
-Comezan a Liga con todos os que están, pero non con todos os que son. Falta Sombri no centro da zaga. E un dianteiro centro...
-Si. Sombri é unha baixa moi importante para un club como o Céltiga. Daríame máis que por satisfeito con que vaia todo ben e poida regresar en tres meses. O dianteiro estamos loitando por conseguilo. Pero xa se sabe que o gol hai que pagalo, e os recursos do Céltiga son limitados.
-Con estes condicionantes non semella quedar moito espazo para a ensoñación.
-A verdade é que nós temos que demostrar, e de feito día a día estámolo a facer, que o diñeiro non o é todo. A dinámica do noso grupo é excepcional. Sabemos das dificultades que imos ter en todos os partidos. Pero imos demostrar que dentro da nosa unidade somos un equipo que sabe competir, que vai tentar sempre loitar polos puntos. E a categoría porános onde merezamos. Pero son optimista. Imos conseguir o obxectivo, que loxicamente non pode ser outro que manter a categoría.
-¿Confía en trasladar a fortaleza do seu equipo no Salvador Otero da Preferente á Terceira?
-Traballamos para iso, porque as cousas se transmiten no día a día. No traballo diario. E niso estamos. O equipo demostrará que no Salvador Otero non lle será doado gañar a ninguén de fóra. Tamén é certo que a nós non nos será doado puntuar fóra. Quen me coñece sabe que non son adestrador de dous sistemas. A nosa proposta será a mesma da tempada pasada. Ser ambiciosos e atrevidos. Pero sen esquecer nunca que imos ter moitas dificultades para sumar.
-A última. Un prognóstico. Os catro vindeiros equipos galegos na fase á Segunda B e os catro condeados á Preferente...
-É moi prematuro. Si é certo que por riba a cousa está moi definida. Racing de Ferrol, Compos, os dous filiais, Cerceda e Pontevedra están obrigados a loitar por ir á fase. E logo, equipos como o Somozas ou o Ordes poden dar a sorpresa. Pero insisto, pola nosa parte, nós imos demostrar que nisto non todo é diñeiro.
manolo núñez adestrador do céltiga