TRIATLÓN Iván Raña, diploma olímpico e novo corredor do Súper Froiz Iván Raña Fuente (Ordes, 1979), entrou coma un meteoro no reducido espacio dos deportistas galegos de elite cando acadou o quinto posto na proba de triatlón dos xogos olímpicos de Sidney 2000. Raña, prófugo da falsa modestia, confesa que esperaba «máis ou menos» esta posición, e define como ninguén o fixo o que é un diploma olímpico: «É un papel gris cunha firma de Samaranch que pon Iván `Rana'', quinto posto, e todo iso. Deillo a miña nai, supoño que o terá colgado». Afeccionado á bici de montaña e o ciclocross, agora afronta o seu último reto: participar co Súper Froiz pontevedrés na temporada ciclista amateur.
29 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Falar con Iván Raña parece o máis doado do mundo. O seu quinto posto en Sidney 2000 non semella telo elevado ó ceo do deportista-deus, e segue comentando todo o relacionado coa súa carreira coa naturalidade máis absoluta. O triatleta de Ordes asegura arrepentirse de ter deixado «un pouco de lado» os seus estudos, pero «o deporte é o que me da de comer». -¿Que razóns o levaron a fichar polo Súper Froiz? -De cara á preparación para o triatlón necesito facer calidade na bicicleta, en venme moi ben correr en pelotón, porque agora en triatlón pódese ir a roda. É unha forma de acostumarte a eses ritmos fortes. E tampouco quero deixar o ciclismo de lado, porque, ó mellor, nun futuro, pásome a facer só bicicleta. -¿Ten unha data na cabeza para iso? -Aínda non o teño claro, de momento, a alto nivel só vou facer triatlón e correr co Súper Froiz, que penso que é o mellor equipo de España en amateurs. O ano pasado xa corrín en afeccionados, e de xuvenil fixen mountain bike. A bici sempre me chamou, desde pequeno, e este ano falei con Portela [director deportivo do Súper Froiz] que me dixo que podía estar no equipo un pouco á miña bóla... iso sí, nas carreiras hai que traballar coma o resto, pero podo escoller eu o calendario dependendo do que faga no triatlón. -Din que vostede daría un bo escalador... -Subo ben, pero para triatlón teño que aprender a dosificarme, ó fin e ó cabo son corenta quilómetros chaos e non che vale de nada entrenar portos. -¿Realmente busca só preparación correndo nas filas do Súper Froiz? -Ben, se poido correr algunha volta tentarei estar diante, pero non o fago con ambición. -Sempre dixo que o ciclismo lle gostaba. Incluso se comenta que, cando conseguiu o diploma olímpico en Sidney, dixo que quería gañara o Tour... -Home claro, e o Giro e a Vuelta... Ahí houbo un malentendido cando dixen que o que máis me gostaba do triatlón era a bicicleta. Hai xente que empeza a barrenar e discurre cousas que non son certas. Tamén se dixo daquela que me ía pasar ó ciclismo, e non é certo. -¿Tivo ofertas de otros grupos deportivos, ademáis do Súper Froiz? ¿Pensou en pasarse a profesionais? -Creo que en Portugal podería estar en profesionais, pero tería que dedicarme só á bicicleta, e iso non o podo facer. -Supoño que, con esta nova situación, só poderá ir a probas escollidas no calendario... -Sí. O obxectivo deste ano é correr o mundial e facer cinco ou seis probas da Copa do Mundo, con algún triatlón en España ou Francia. Este ano penso viaxar menos que o pasado, no que fun a moitas. Son viaxes moi longos que acaban por mermarte de cara á competición, aínda que gardo un bo recordo de Río de Janeiro, no que me atopei moi ben correndo, e en Xapón, onde puiden gañar, pero xa chegábamos un pouquiño cansados. -Vexo que se pega unhas viaxes impresionantes... -Sí, e a verdade é que está ben porque ves cousas, pero ó final o que buscas é estar ben na competición, e para iso canto menos viaxes e menos avións collas, mellor.